image

Cualifica de negativa a xestión económica de CA na análise da Conta Xeral 2015

O portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández fixo hoxe unha primeira valoración sobre a tramitación e os datos que ofrece a Conta Xeral do Concello de Santiago correspondente ao ano 2015, que cualificou de “negativa” e puxo o acento na liña do Goberno de CA de improvisación, de desprezo ao labor da oposición e aos procedementos establecidos.

Falta de información e descenso na execución do gasto O resumo da súa visión negativa centrouse en catro aspectos: En primeiro lugar, na “ausencia ou ocultación” de documentación “crucial e imprescindible” para a análise polo miúdo dos datos (falta o informe de Intervención á Conta Xeral, a desagregación da clasificación económica das distintas áreas, a memoria do custo dos servizos, o cálculo da regra de gasto e de estabilidade orzamentaria ou a propia memoria da Conta Xeral) e a limitación do acceso á documentación, unhas circunstancias que “supoñen incrementar e dificultar o noso labor de análise”. En segundo lugar, destacou o descenso na porcentaxe de execución de gastos xerais (en todos os capítulos) en 5 puntos con respecto aos exercicios de 2013 e 2014. “Pasouse dun 77,8% en 2013 a un 72,7% en 2015. Isto implica que de cada millón de euros Compostela Aberta non executou 272.700 euros e con respecto a 2013 baixáronse 50.600 euros/1.000.000 euros, o que, nun orzamento de 100 millóns, supón 5,6 millóns de euros de descenso de execución”.

O Concello “peor pagador” e aumento do endebedamento
Un terceiro aspecto que salientou o portavoz municipal popular foi o incremento do período de pagamento da Administración local compostelá: “o ano 2015 foi o ano no que, sen redución de ingresos, o Concello foi o peor pagador dos derradeiros tres anos, duplicando o período medio de pagamento global que de 15 días en maio do 2015,
chegou a 40 días en outubro do 2015, unha suba do 163%”.

Por último, Agustín Hernández referiuse ao regreso á senda do endebedamento, destacando que “logo de que o actual Goberno empregara un crédito por 2,9 millóns procedente dunha operación de 2014, no orzamento de 2016 recóllese un novo crédito por 5,6 millóns de euros”. Nun ano de mandato, entre xuño de 2015 e xuño de 2016 incrementouse o endebedamento en 8,5 millóns de euros, o que suporía que “a este ritmo en 4 anos poderiamos chegar aos 32 millóns de euros”.

O portavoz popular rematou sinalando que a Conta Xeral de 2015 “vén a demostrar unha vez máis a ineficacia para xestionar deste Goberno”. Un Goberno que –sinalou- non ofrece información detallada da súa xestión económica, deixa sen executar parte dos orzamentos para gastos xerais, retrasa os pagamentos aos provedores e que continúa a incrementar o endebedamento municipal.

Deja una Respuesta