image

Hernández inicia encontros con representantes do PP para resolver os problemas comúns

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular e deputado provincial, Agustín Hernández, iniciou esta semana unha rolda de contactos con representantes do Partido Popular da comarca, para escoitar as súas demandas e darlles posteriormente traslado ao ente provincial, co obxectivo de presentar iniciativas conxuntas que resolvan os problemas comúns de Santiago e da súa área de influencia. O primeiro destes encontros foi con representantes do Partido Popular de Teo, ao que asistiu o seu voceiro, José Manuel Guerra, e os concelleiros Antonio Sánchez e Ignacio Arroyo. Un dos temas que se puxeron enriba da mesa foi a necesidade de traballar de forma coordinada entre as administracións en proxectos comúns e na prestación de servizos.

Agustín Hernández fixo tamén fincapé na importancia da planificación, desde un enfoque global, das infraestruturas viarias que afectan aos municipios da área metropolitana; e do desenvolvemento das políticas sociais e de emprego. Neste senso, o deputado provincial referiuse á iniciativa que o PP de Santiago presentou no pasado pleno municipal para unha mellor coordinación das obras da ampliación da capacidade da autoestrada AP-9 co resto de actuacións en marcha e incluídas nos orzamentos do Estado; co obxectivo de que no momento de remate da ampliación da autoestrada –dentro de dous anos- estean tamén rematadas as obras do enlace orbital, a conexión coa estrada N-550 e o polígono do Tambre; e tamén a conexión coa Cidade da Cultura e cos barrios de Sar e As Fontiñas. Do mesmo xeito, tratouse a situación do trazado que une a N-550 en As Galanas e a AC-841 en Cacheiras, pendentes nestes momentos da realización por parte do concello teense do estudo de impacto ambiental a efectos de unir o trazado que une ámbalas dúas vías.

Subida de impostos municipais
Outro dos temas abordados na reunión foi a subida de impostos programada en ámbolos dous concellos. No caso de Teo, as ordenanzas fiscais de 2016, que xa foron aprobadas, contemplan unha subida dun 25% no Imposto dos Bens Inmobles. No tocante ao concello de Santiago, o goberno de Compostela Aberta presentou unha proposta que contempla a mesma política abusiva para todos os impostos. Agustín Hernández lamentou que sexan Santiago e Teo os dous concellos da comarca que encabecen unha subida de impostos para o próximo ano. Tal e como salientou o deputado provincial, son medidas erróneas que incidirán de maneira negativa tanto na economía das familias coma na actividade económica dos dous concellos.

Deja una Respuesta