20160107 Agustín Hernández

Hernández pide que se desbloquee a situación da Nave 5

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para presentar unha batería de mocións que trasladará ao pleno de mañá, relativas á Nave 5 da Praza de Abastos, ao transporte público ao polígono de Tambre e ao aparcamento disuasorio de Pontepedriña.

“O destino final dos postos da Nave 5 segue a ser unha incógnita”, lamentou Agustín Hernández, quen criticou que, pasados 8 meses desde a chegada de Compostela Aberta ao concello, non hai noticias ao respecto do modelo que se ten decidido desenvolver neste espazo do mercado, tan só da retirada de forma unilateral das mesas, “sen consultar á Cooperativa da Praza de Abastos da necesidade ou conveniencia da retirada”. Os populares instan ao Goberno local a que desbloquee a situación da Nave 5 e convoque unha reunión coa cooperativa que xestiona a Praza e coa Asociación de Hostalaría para que se aborden as condicións do concurso para a concesión dos postos libres.

Do mesmo xeito, o voceiro do PP esixe que, logo deste proceso de consulta, proceda a tramitación do concurso antes do primeiro semestre do ano. Agustín Hernández recordou que o Partido Popular tiña acadado o compromiso de facer público, antes da licitación, as condicións do concurso para que puideran ser consultadas e transmitidas as opinións ao respecto. O actual goberno non ten adiantado nada desta situación. A única novidade foi a organización na Nave 5 do Mercado de Nadal, cuestionada por boa parte da cidadanía e que o propio goberno recoñeceu que non tivo o resultado esperado.

Do mesmo xeito, os populares interesaranse polo modelo de xestión para o aparcamento disuasorio de Pontepedriña. Dende a súa posta en marcha, moitas das prazas mantéñense ocupadas días e, incluso, semanas. “Adif puxo os terreos a disposición sen custe para o concello; a Xunta de Galicia fixo a obra sen custe para o concello; e o único que tiña que facer o concello era decidir a forma de xestión deste aparcamento”. “Non ten xustificación –continuou- que despois de todo este tempo o concello non fixera nada ao respecto de organizar, controlar e facer operativo ese espazo”. A iniciativa contempla, tamén, a mellora da sinalización vertical e horizontal e a iluminación do recinto para unha maior comodidade e, sobre todo, seguridade de todos os usuarios. “Parece ser que o concello tampouco tivo tempo para facer o contrato para que as luminarias funcionen”, denunciou.

Para finalizar, os populares instarán ao Goberno local a que complete os trámites pendentes para ampliar as frecuencias do servizo de autobús urbanos desde o centro ao polígono do Tambre, para atender así unha demanda da Asociación da Área Empresarial. Neste senso, Agustín Hernández subliñou que “non entendemos a demora”, xa que o anterior goberno do PP xa tiña avanzadas as xestión coas empresas do transporte público e acordado ampliar a catro as expedicións, á espera de concretar os horarios. “Esta é a política habitual do goberno de Compostela Aberta: cando ten que facer unha xestión propia non é capaz, pero cando ten que reclamar a outras administracións esas mesmas xestións si que é moi esixente. Porque é máis fácil esixir que facer”, lamentou. “Non teñen nin a capacidade nin a dilixencia necesaria -continuou- para resolver este problema”.

Declaración ARI Vite
O voceiro popular referiuse, tamén, ás declaracións vertidas sobre o alcalde ao respecto da comunicación sobre o ARI de Vite. “É inaudito que un alcalde lle recrimine ao xefe da oposición por facer o seu traballo”, lamentou, xa que tal e como explicou, o único que fixo foi interesarse ante a Xunta de Galicia, en concreto o IGVS, polas xestións realizadas neste expediente, iniciado durante o mandato do PP.

Agustín Hernández considera que tanto o alcalde como o concelleiro delegado deberían estar máis vixiantes sobre este asunto, xa que, desde o mes de agosto que foi aprobada a solicitude, pasaron xa 7 meses. Por iso mesmo, considera que o malestar do alcalde se deba máis a que “este portavoz fixo o que non soubo ou non quixo facer o seu concelleiro; quen ao mellor está agardando a chegada do novo director de área para coller o teléfono e chamar á Xunta”.

Deja una Respuesta