IMG_4298

Hernández lamenta o mal estado do trazado da vía da Prata

O portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, unha iniciativa para que o Concello dea os pasos necesarios coa “maior urxencia posible” para conseguir o acondicionamento e mellora do trazado da Vía da Prata no termo municipal. Durante a rolda de prensa, o representante popular amosou imaxes do mal estado dos diferentes treitos. “Entre as melloras necesarias, cómpre citar a baixada do núcleo da Susana ata a antiga N-525 e o coidado nos contornos dos cruceiros de Aldrei e Piñeiro do Eixo”, salientou Agustín Hernández.

Nunha recente xuntanza, os veciños de Angrois trasladaron a súa fonda preocupación polo mal estado, xa que “a peor zona sitúase xusto no tramo de arredor de dous quilómetros que conecta o vello Camiño Real ao seu paso por Piñeiro e Angrois ata a rúa de Sar”. Un trazado que no seu inicio presenta un firma de terra e entullo en moi mal estado, con cascallos de diversa natureza, mesmo plásticos, e que no seu tramo intermedio foi afectado en parte polas obras de ampliación da autoestrada AP-9 que fixeron desviar provisionalmente o tradicional itinerario plano cara a unha costa de grava cun elevadísimo desnivel.

Os populares, a través dunha proposición que trasladarán ao vindeiro pleno, urxen unha actuación para o acondicionamento e mellora do trazado da Vía da Prata no termo municipal, de forma prioritaria no tramo que discorre entre o Camiño Real de Piñeiro do Eixo e Angrois ata a rúa do Sar.

A Vía da Prata, que o ano pasado canalizou máis de 9.000 peregrinos do total do tránsito xacobeo, penetra no noso concello pola Susana e atravesa as parroquias de Marrozos, o Eixo e Sar, para acceder ao núcleo histórico polo Arco de Mazarelos.

Convenio de colaboración
O portavoz popular recordou que a mediados do pasado mes de febreiro a Xunta de Galicia –a través das consellerías de Culturas, de Infraestruturas e de Turismo de Galicia- e o concello de Santiago asinaron un protocolo de colaboración para a mellora e integración paisaxística das entradas dos camiños de Santiago no termo municipal co horizonte no vindeiro ano xacobeo de 2021.

Con ese fin, a administración autonómica prevé destinar 4,2 millóns de euros para actuar en distintos tramos do Camiño Francés (do Monte do Gozo a San Lázaro e na zona das Fontiñas e Concheiros), no Camiño Portugués (nas inmediacións do mosteiro e rotonda de Conxo) e no Camiño Inglés (no seu percorrido polo Polígono do Tambre e Boisaca).

Conforme ao acordo subscrito, a Xunta redactará os proxectos e executará as obras, namentres o Concello se fará cargo da tramitación administrativa, da posta a disposición dos terreos e da reposición dos servizos, coa mirada posta no ano 2020 para o remate das obras. Agustín Hernández considerou que a proximidade dun inminente remate das obras da AP-9 e a lamentable situación deste tramo final desde Piñeiro do Eixo deberían ser motivos máis que suficientes para decidir canto antes a inclusión desta entrada da Vía da Prata na programación máis urxente a desenvolver dentro das actuacións nas que colaboran as administracións públicas, “ben mediante unha addenda ao protocolo subscrito este mesmo ano coa Xunta de Galicia ou ben que sexa o concello quen, pola súa conta, acometa estes arranxos”.

Deja una Respuesta