IMG_4298

Hernández pide información sobre os "prazos" para a comarcalización do parque de bombeiros

portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, insta ao alcalde a que “convoque de inmediato” a Xunta de Voceiros para informar polo miúdo “dos prazos e das expectativas” da comarcalización do parque de bombeiros, a raíz da reunión que o rexedor mantivo esta mesma mañá co vicepresidente da Xunta e o presidente da Deputación.

Neste senso, Agustín Hernández amosa as “súas reservas” en canto ao proceso de comarcalización, ao non dispoñer de todos os datos necesarios para adoptar unha decisión beneficiosa para o noso concello. Neste senso, considera imprescindible contar cun traballo técnico que valore o impacto –tanto funcional como económico- que a comarcalización vai a ter no parque de Santiago. Así mesmo, é importante coñecer se os plans do Goberno de Compostela Aberta teñen a conformidade da plantilla, para evitar así erros coma os cometidos polo goberno socialista e que remataron cunha sentenza do TSXG que anulou o proceso.
Non obstante, para o portavoz popular, o primeiro que ten que facer Compostela Aberta é cubrir a xefatura do servizo: “Nestes momentos, non hai un mando único do parque, polo que sen ter un responsable profesional que asesore ao goberno é difícil acadar unha boa negociación”.
Centro BTT da Susana
Tras coñecerse que o concello substituíu as bicicletas todoterreo do Centro BTT de Santa Susana por outras de paseo, os populares presentaron, esta mañá, unha batería de preguntas escritas para que o Goberno local explique “onde se atopan actualmente aquelas bicicletas e por que se decidiu cambialas por outras que non se axustan ás rutas de montaña”. Neste senso, solicitan coñecer como foi o proceso de adquisición daquelas bicicletas de montaña: número de unidades, data de compra, provedor e custe.

“O goberno ten que aclarar se a inauguración das novas instalacións se tratou dun teatrillo, dunha posta en escena tramposa”, salientan. As bicicletas que se atopan actualmente a disposición dos usuarios non se adaptan ás rutas que promociona o centro, xa que a maioría dos traxectos son de dificultade media-alta. Os populares preguntan tamén ao alcalde se era coñecedor de que as bicicletas figurarían “unicamente como un elemento decorativo” e de que serían reemprazadas con posterioridade. E é que, na propia páxina web municipal, cando se fai referencia ao día da inauguración, figura o alcalde fotografando as bicicletas de montaña, das que hoxe nada se sabe.

“Son moitas as incógnitas que hai arredor do servizo que se presta no centro BTT da Susana que son preciso aclarar canto antes”, inciden os populares, que consideran que o grupo de goberno “vendeu gato por lebre”: “Compostela Aberta enganou aos veciños: anunciou un determinado servizo e, agora, está prestando outro totalmente diferente”.

Outras das cuestións polas que se interesa o grupo popular é polo sistema de pago: na páxina web menciónase un pagamento de oito euros por cada bicicleta, cando se vendeu que este servizo sería gratuíto.

Deja una Respuesta