20170914 SantiagoEnCamiño

Hernández pide o "apoio incondicional" para Corpos e Forzas de Seguridade

O portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, ofreceu, esta mañá, unha rolda de prensa para presentar unha moción de apoio ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que, tal e como salientou, vén motivada polos “tristes acontecementos” das últimas semanas en Cataluña: “A través dos medios de comunicación, fomos testemuña do enorme clima de hostilidade e dos numerosos ataques aos axentes da Policía Nacional e da Garda Civil, mentres realizaban o seu labor e defendían o Estado de Dereito”.

Tal e como relatou Agustín Hernández, nas últimas semanas, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado foron obxecto dun acoso constante por parte dunha minoría violenta, para tentar impedir o lexítimo exercicio das súas funcións: “Durante estes días, puidemos ver como os axentes recibían insultos e agresións, como foron rodeados, delatados e mesmo sinalados e como, tamén, os seus vehículos foron esnaquizados” O portavoz popular amosou o seu rexeitamento a estas explosións de violencia, que cualificou de “delitos de odio”, incompatibles con calquera sistema democrático.

Á vista dos episodios de violencia que se viron cara os axentes da Policía Nacional e da Garda Civil,o grupo popular presenta esta iniciativa para que o concello de Santiago amose o seu apoio unánime ás forzas de corpos de seguridade do estado. “É inxusto e intolerable que se lles trate como inimigos, cando os gardas civís e os policías nacionais son servidores públicos que cumpren coa responsabilidade de garantir a liberdade de todos e o libre exercicio dos nosos dereitos”, destacou Agustín Hernández. “É imprescindible –engadiu- estar do lado de quen fai cumprir a lei e amosar o noso apoio”.

É grazas ás nosas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que hoxe España sexa un dos países máis seguros do mundo”, destacou o portavoz popular, que recordou que no barómetro do CIS do ano 2015, tanto a Policía Nacional como a Garda Civil figuran como as dúas institucións que máis confianza xeran.

Recordou que tamén en Santiago tivemos mostras do compromiso coa legalidade e coa defensa dos valores constitucionais das forzas e corpos de seguridade, cando, no desaloxo do edificio da Algalia de Arriba, cumpriron cun mandato xudicial para preservar os dereitos conculcados coa ocupación dunha propiedade privada. “Non faltaron episodios violentos e graves e inxustas acusacións contra a acción policial por parte de representantes do Goberno Municipal”, subliñou o portavoz popular. “Temos que recordar –engadiu- que o alcalde cuestionou as resolucións xudiciais, incitou ao seu incumprimento e descualificou a actuación da policía”. “A violencia é violencia. Polo tanto, todos os cidadáns, especialmente os representantes públicos, debemos condenala, sen desculpar ou minimizar feitos que atenten conta a liberdade e a integridade das persoas”, incidiu. É por iso que o grupo popular presenta esta iniciativa, xa que é o momento de “amosar o noso apoio incondicional, condenar o acoso sistemático que están a sufrir e rexeitar toda conduta antidemocrática que atente contra a convivencia e a liberdade”.

Do mesmo xeito e tendo en conta o escenario político actual, o grupo popular tamén inclúe na moción dous puntos para que desde o concello de Santiago se inste ao conxunto das institucións española: a actuar, coas ferramentas do Estado de Dereito, contra as iniciativas que pretendan, desde a ilegalidade e contra a vontade democrática do conxunto do pobo español, conculcar o noso marco constitucional e a unidade de España; e, tamén, a utilizar con determinación e firmeza todos os mecanismos que lle atribúen a Constitución e as leis.

Deja una Respuesta