IMG_4298

Hernández pide que se amplíe a rede de abastecimiento na zona norte de Bando

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, un paquete de actuacións de mellora para Bando, no que se recollen as demandas máis urxentes para a parroquia. Demandas que, tal e como informou, lle trasladaron os propios veciños nun encontro de Conversas no Camiño, que mantivo hai un par de semanas. Neste senso, salientou a necesidade de actuar en tres eixos principais: a ampliación da rede de abastecemento, a mellora da mobilidade e a dotación de máis servizos na parroquia.

Coincidindo coa prioridade sinalada pola propia veciñanza, a proposición –que o grupo popular trasladará ao vindeiro pleno- recolle a ampliación da rede de abastecemento, sobre todo, para as vivendas da zona norte da parroquia. Tal e como explicou Agustín Hernández, este servizo tan só chega a varios puntos ao longo do trazado da estrada principal que conecta con Lavacolla. Os populares propoñen a redacción dun proxecto de ampliación da rede de saneamento, marcando unha priorización que permita desenvolver a súa execución por fases a partir do próximo ano 2018. “Sería conveniente trazar unha planificación global que permita ir estendendo de forma gradual o abastecemento”, indicou.

A segunda das prioridades é a ampliación da rúa do Castro, vía de enlace entre San Marcos e a autovía A-54. “Trátase dunha estrada local moi estreita –de pouco máis de 400 metros- e sen beiravías, na que escasamente se poden cruzar dous turismos, a pesar de ter un tránsito habitual moi elevado”, explicou Agustín Hernández. Por iso, os populares instan ao concello a que inicie canto antes a redacción dun proxecto de ampliación e mellora desta rúa do Castro. Do mesmo xeito, a veciñanza reclama o alargo do acceso ao lugar de Pousada, que presenta dificultades para o tránsito do autobús urbano, debido á súa estreiteza.

E, por último, a proposición dos populares tamén recolle a dotación dun parque infantil e doutro biosaludable, que, tal e como apuntou Agustín Hernández, poderían instalarse no contorno do centro sociocultural da parroquia no Coto dos Olmos. Como complemento a esta actuación, os veciños tamén reclaman a construción dunha senda peonil pola beiravía da estrada, con fin de mellorar a seguridade e facilitar a conexión deste centro sociocultural coa N-634.

Deja una Respuesta