20151126 Agustín Hernández_Semana Santa

Hernández pide que a Semana Santa sexa Festa de Interese Turístico de Galicia

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, presentou esta mañá unha proposición que levará ao vindeiro pleno de decembro, relativa á declaración da Semana Santa de Santiago como Festa de Interese Turístico de Galicia, e que conta co apoio das confrarías. “Con esta iniciativa pretendemos lograr unha especial consideración na planificación e promoción do Goberno galego á hora de recibir axudas e subvencións, para que sexa incluídas nas accións de promoción e para que poida beneficiarse de investimentos”, explicou.

Neste senso, indicou que “así a Semana Santa podería contar co apoio necesario que parece que nestes momentos o concello non quere asumir”. Do mesmo xeito, subliñou que suporía unha oportunidade para impulsar o sector turístico e facer de Santiago o foco de atracción de máis turistas nacionais e internacionais.

Agustín Hernández recordou que, atendendo que a Semana Santa é un fenómeno plural, a propia Administración do Estado iniciou, o pasado 23 de novembro, o expediente para declarala como ‘Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial’, poñendo así de realce a súa riqueza cultural e social, así coma tamén a súa proxección internacional. É polo que, tal e como explicou o voceiro popular, atendendo á antigüidade, singularidade, arraigamento, valor cultural, a continuidade no tempo e, tamén, a afluencia de visitantes e o coidado do entorno monumental, o Grupo Municipal do PP presenta esta proposición para que o concello inicie os trámites para a súa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. “Confiamos contar co apoio unánime de toda a Corporación e agardamos que non se quede unicamente no seu carácter relixioso, senón que entendan esta distinción coma unha oportunidade para o sector turístico e económico da nosa cidade”, destacou.

Deja una Respuesta