IMG_0139

Hernández pide un bonotaxi para persoas con mobilidade reducida

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, en rolda de prensa, unha moción para que o concello inicie os trámites necesarios para a implantación dun bonotaxi, destinado a persoas con mobilidade reducida que non poden facer uso do transporte público colectivo e requiran dese medio para os seus desprazamentos: “É unha medida complementaria, pero non secundaria, ás actuacións urbanísticas e de supresión de barreiras arquitectónicas que se acometen”.

O portavoz popular, que recordou que esta iniciativa figuraba no programa co que concorreu ás pasadas eleccións municipais, salientou que do que se trata é de responder ás demandas tanto das persoas afectadas por unha discapacidade e das entidades representativas, así como do sector do taxi que vén mostrando o seu interese por desenvolver esta actividade.

“Non se trata dunha medida experimental, concellos como os da Coruña, Vigo, Ferrol ou o municipio coruñés de Cambre levan, desde hai varios anos, con esta axuda”, explicou. Destacou que a posta en marcha dos bonotaxi non suporía un gran esforzo económico, xa que a contía máxima que estes municipios veñen destinando flutúa entre os 10.000 e os 125.000 euros: “Unha cantidade perfectamente asumible para Santiago”.

Con esta moción, os populares pretenden que se beneficien, en primeiro lugar, todas aquelas persoas afectadas por unha discapacidade recoñecida e, en segundo lugar, o colectivo dos taxistas. “Pode ser unha magnífica oportunidade para incrementar na nosa cidade o número de taxis especialmente adaptados”. Segundo os datos dos que dispoñen os populares, en Santiago, entre os aproximadamente 150 taxis que existen, apenas un 4% responde á cualificación de vehículos con especiais medidas de accesibilidade (‘eurotaxis’).

En consonancia con esta medida e centrada no sector do taxi, Agustín Hernández insta ao Goberno local a que estude a posibilidade de articular unha liña de axudas para implantar outro bono de carácter social, dirixido á mellora da accesibilidade en determinadas zonas do noso concellos, tendo en conta tamén a renda dos usuarios. Sería unha alternativa de transporte á demanda naquelas áreas onde non existe un suficiente servizo de transporte público colectivo.

Deja una Respuesta