20151105 Visita Vidán

Hernández propón a construción dunha senda peonil accesible e segura en Laraño e Vidán

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, mantivo, esta mañá, unha reunión con veciños de Vidán e Laraño para trasladarlles a moción que o grupo popular trasladará ao vindeiro pleno do luns, relativa á construción dunha senda peonil segura e accesible na estrada AC-543 Santiago – Noia, nas parroquias de Laraño e Vidán, que comunique así os devanditos núcleos de poboación co núcleo urbano. A iniciativa popular recolle unha reivindicación histórica dos veciños, que subliñaron a importancia da obra pola gran densidade de tráfico que hai nese treito cada día e pola conseguinte inseguridade para os peóns.

Agustín Hernández explicoulles aos veciños e veciñas que este itinerario peonil estenderíase ao longo de dous quilómetros na marxe dereita da estrada AC-543 e de dous pequenos tramos na marxe esquerda, coa finalidade de separar o tráfico rodado do peonil. Así mesmo, a iniciativa contempla un sistema de drenaxe de augas pluviais e canalizacións para redes de servizos baixo da senda.

O voceiro popular subliñou que é o momento de aproveitar a oportunidade que lle brinda o Programa Operativo ‘Galicia’, correspondente ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para o período 2014-2020, e que contempla todas aquelas actuacións referidas ao desenvolvemento da mobilidade urbana interurbana sostible, mediante a execución de sendas peonís e ciclistas, tal e como recolle o proxecto que formula o grupo popular para as parroquias de Vidán e Laraño. O 2016 será o primeiro que a Xunta de Galicia poida realizar gasto autonómico con este fin, por iso mesmo Agustín Hernández insta ao concello a que non demore máis tempo, apoie esta iniciativa –que conta co visto bo dos veciños e veciñas- e solicite ao Goberno galego que acometa este proxecto o próximo ano.

O voceiro popular tamén lle trasladou aos veciños aos veciños que a moción tamén inclúe, como complemento a esta senda, a construción dun pequeno itinerario peonil a través da rúa Xunlla, na vía que desde a AC-543 conecta co núcleo de Laraniño. O treito, de 250 metros e de titularidade municipal, conecta coa residencia ‘Juan Vidán Torres’, da Asociación de Pais e Persoas con Discapacidade Intelectual de Santiago (ASPAS). Tal e como lembrou o voceiro popular, o anterior goberno local tiña elaborado un proxecto para actuar nesta vía, para a que ademais hai habilitada, xunto con outras obras, unha partida de remanentes do orzamento anterior. Para Agustín Hernández “sería un bo complemento” para a obra principal a acometer pola Xunta de Galicia na estrada AC-543. Por iso, insta ao concello a que impulse esta actuación, atenda a unha demanda veciñal e dea resposta a un problema de seguridade viaria en dita vía.

Deja una Respuesta