20151125 Agustín Hernández

Hernández propón que o concello aborde o problema de convivencia do Vilar e do Toural

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, presentou esta mañá unha proposición que levará ao vindeiro pleno de decembro, relativa ó preocupante problema social e de convivencia que se vive cada día na rúa do Vilar e na praza do Toural. Neste senso, o representante popular explicou que a situación non é nova, pero que foi empeorando nos últimos anos ata converterse, dende fai un par de meses, en insostible.

“Nas últimas semanas, mantivemos varios contactos cos veciños e comerciantes, tamén con Compostela Monumental, que nos trasladaron que a situación, en lugar de minguar, foi cada vez a peor”, informou Agustín Hernández. O voceiro popular subliñou que o motivo desta iniciativa é ser, por un lado, o altofalante dos veciños e comerciantes; e, por outra banda, servir para abordar un problema que ten unha dobre vertente, social e de convivencia. “A medida que se foi agravando a situación persoal das persoas en exclusión social, que están alí asentadas e que viven a parte máis amarga desta sociedade –continuou-, fóronse incrementando os problemas de convivencia, debido a determinados comportamentos incívicos”.

Tal e como salientou o voceiro popular, ante esta dobre problemática, non se pode mirar para outro lado nin permanecer pasivos. Os veciños demandan unha solución urxente a unha situación que xa é insostible e atender o drama humano das persoas sen fogar. Para iso, subliñou que o concello, a través do departamento de Servizos Sociais, ten que habilitar as ferramentas de mediación e inclusión social para poder rachar con esta situación: “Hai que artellar as medidas no seo do concello para sacar a estas persoas do inmobilismo, a través da persuasión, non da imposición, para que atopen o camiño da integración”. Do mesmo xeito, tamén avogou por abordar con ambición a situación de inseguridade e insalubridade que padecen os veciños e comerciantes desta zona e, por conseguinte, que o concello articule as medidas e ferramentas que permitan a recuperación do carácter público, seguro e salubre, do entorno, co fin de “devolver á normalidade a rúa do Vilar e a praza do Toural”.

Deja una Respuesta