20160113 Agustín Hernández

Hernández reclama medidas para potenciar a promoción turística da asociación Área de Santiago

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, anunciou esta mañá unha proposición, que levará ao vindeiro pleno de febreiro, relativa a que o Goberno local impulse as accións necesarias para potenciar o papel de promoción turística da asociación ‘Área Santiago’. Para iso, avoga pola elaboración dun plan específico, que inclúa a dotación orzamentaria para un axeitado funcionamento da entidade, que intensifique a presenza en exposicións e tamén realice as xestións para a adhesión e reincorporación de novos concellos, en especial os de Teo, Brión e Ames, co obxectivo de “incrementar o atractivo da zona, as posibilidades de promoción e o acceso a vías de financiamento das súas actividades”.

Tal e como puxo de manifesto o voceiro popular, a potenciación desta área é interesante para o turismo, pero tamén para “reforzar a identidade dunha gran área central de Galicia”. Agustín Hernández recordou que nos últimos anos leváronse a cabo moitas accións para ampliar e mellorar a información turística dos 16 concellos, a través dun plan de acción para o bienio 2014-2015. “Pero estamos no 2016, ese plan rematou e botamos en falta novas actuacións”, destacou. “A penas temos constancia –continuou- de ningunha iniciativa común nos últimos meses que non sexa o protocolo de colaboración para o Entroido dos Xenerais da Ulla. E tampouco temos noticia algunha de iniciativas para articular propostas merecedoras de axudas ou subvencións doutras administracións”.

O voceiro popular subliñou que é o momento de facer unha planificación conxunta co resto de concellos e recuperar a participación de concellos que se deron de baixa. Neste punto, Agustín Hernández recordou o caso de Teo, que se deu de baixa precisamente cando Martiño Noriega era alcalde dese concello. “Martiño Noriega, sendo alcalde de Teo, non tivo interese en participar na asociación. Ten agora interese, como alcalde de Santiago, que Teo volva a participar?”, indicou. “É necesario acometer un novo impulso Área Santiago, animando a reincorporación daqueles concellos que se foron e mesmo abrindo a posibilidade a outros con grandes potencialidades, tradicionalmente ligados á área de Compostela, que poderían incrementar e reforzar unha oferta de gran variedade arredor da capital de Galicia”, sentenciou.

Área de Santiago, que xurdiu a principios de 2013, contou coa participación inicial de 19 concellos (hoxe, 16 ao darse de baixa Teo, Brión e Ames). Os concellos integrantes son: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.

Deja una Respuesta