20151013 Fotografía RP Leite galego

Hernández subliña que os Orzamentos consolidan proxectos estratéxicos para Santiago

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, fixo esta mañá unha primeira valoración dos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2016, na que destacou o compromiso e o importante esforzo inversor que unha vez máis demostra o goberno galego co concello de Santiago. Neste senso, subliña o investimento para a Facultade de Medicina e para a Estación Intermodal, dous proxectos estratéxicos para a cidade.

O voceiro popular salientou que a partida dun millón de euros destinada ao proxecto da nova Facultade de Medicina pon de manifesto que a Xunta de Galicia é unha peza clave neste proxecto e que se inicia así un camiño sen retorno que finalizará no Campus da Saúde.

Do mesmo xeito, Agustín Hernández salientou a inversión de máis de 10 millóns de euros, repartidos en varias anualidades entre 2016 e 2019, para a Estación Intermodal. Para o 2016, resérvase unha partida de máis de 400.000 euros. Neste senso, indicou que é a primeira vez que aparece reflectido unha liña singularizada nos orzamentos do Estado para este proxecto. Tendo en conta o investimento da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado, que suma máis de 25 millóns de euros, o voceiro popular insta ao alcalde que colabore coas administracións, tanto na mellora viaria coma nas infraestruturas alleas á estación. Fronte ás críticas e ás dubidas, queda acreditado o compromiso da Xunta de Galicia coa Estación Intermodal, ao dotala de orzamento.

Tal e como salientou Agustín Hernández, os orzamentos do Goberno galego son a constatación de que Santiago é unha cidade que mira cara o futuro, xa que recollen infraestruturas que son cruciais para o desenvolvemento do concello.

Deja una Respuesta