IMG_4298

Hernández urxe a axilizar a nova EDAR para por fin á "situación insostible" actual

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, lamenta que o Goberno de Compostela Aberta tardase 19 meses en manter a primeira reunión co Ministerio de Agricultura para avanzar na construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais.

O edil popular, que agarda que o encontro de hoxe sirva para que “o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia traia unha data marcada no calendario para a sinatura do convenio de colaboración entre o Goberno do Estado, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago”; insta tamén ao Goberno local “a conseguir o máximo compromiso orzamentario do Ministerio e da Xunta de Galicia, tal e como aconteceu nas restantes obras declaradas de interese xeral”.

Neste senso, Agustín Hernández urxe axilizar ao máximo a licitación e execución da nova Edar, debido a que, a pesar da importante mellora levada a cabo recentemente para aumentar a súa capacidade, “a situación actual é insostible”, xa que as instalacións seguen a resultar insuficientes para tratar os vertidos xerados pola cidade e vertidos ao río Sar. Tal e como salienta Agustín Hernández, a actual Edar da Silvouta, incluíndo as últimas melloras, está deseñada para o tratamento duns 71.600 m3 de auga ao día, o equivalente a preto de 137.000 habitantes. Pero a carga real a día de hoxe supera en case un 30% a carga de deseño, o que significa que a estación depuradora está a recibir augas residuais equivalentes a unha poboación de cerca de 175.000 habitantes.

Apoio a nivel político e técnico
O portavoz popular recorda que, en máis dunha ocasión, o Grupo Municipal Popular brindou todo o apoio e colaboración, tanto a nivel político como técnico, ao alcalde co fin de alcanzar o obxectivo de desbloquear a estación depuradora o antes posible. Neste senso, fai unhas semanas, Agustín Hernández participou na elaboración dunha proposta de declaración institucional sobre a urxencia da construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais que trasladou ao Goberno local e da que aínda non tivo contestación. “É realmente unha mágoa que o concelleiro participase nesa reunión sen ter o aval de toda a Corporación”, sinala o portavoz popular, que lamenta, ademais, a ausencia do alcalde neste encontro, xa que considera que, en cuestións tan transcendentais para a cidade coma esta, o rexedor debería asistir para defender con afán os intereses de Santiago.

Deja una Respuesta