image

Urxe ao Concello a que aborde a situación de abandono de catro quioscos pechados

O portavoz do Grupo Municipal do PP, Agustín Hernández, insta ao Goberno local a que aborde canto antes a situación dos catro quioscos pechados e regularice a súa explotación e xestión. Neste senso, recordan que os quioscos -situados na avenida Xoán XXIII, Alameda, praza de Vigo e rúa Bernardo Barreiro Vázquez Varela- levan arredor dun ano e medio sen actividade e abandonados, servindo unicamente de soporte a multitude de carteis anunciadores de todo tipo de ofertas e eventos, coa ameaza do seu estrago paulatino e ofrecendo unha imaxe deplorable que é preciso solucionar.

Os populares avogan porque o concello asuma esta cuestión o antes posible e dea os pasos necesarios para regularizar a situación destas instalacións, recuperando a súa titularidade e abrindo un proceso de concorrencia competitiva para a súa concesión, primando nas bases o aspecto social -valoración de ingresos, dependencia, situación de desemprego prolongado…- e mesmo estudando a posibilidade de ampliar as posibilidades de negocio que faga viable a súa explotación. “A través deste procedemento poderíase favorecer o acceso a unha actividade económica, recuperando a calidade ambiental deses lugares céntricos e emblemáticos da cidade onde se asentan os quioscos, xerar unha oportunidade de negocio fomentando o emprego e os fins sociais e incrementar os servizos urbanos”, subliñou Agustín Hernández.

Tal e como explicou, nos últimos anos estase a producir a súa paulatina desaparición nos escenarios urbanos dunha gran maioría de cidades. Existe estimacións que cifran en máis de 5.000 os quioscos que desapareceron en España na última década, o que equivale a unha redución dun 17% dos existentes. En Santiago, a ese declive xeneralizado dos quioscos véuselle a unir a problemática laboral que lle afectou á entidade de finalidade social que, dende hai máis dunha década e a través dun convenio de colaboración, dispoñía de autorización municipal para a explotación e xestión dos catro quioscos. Foi a finais de 2014, cando a empresa iniciou un proceso de liquidación e anunciou o peche dos quioscos que mantiña en diversos lugares de Galicia, entre os que se atopan os de Santiago.

Por todo iso, o grupo popular presentará no pleno da vindeira semana unha proposición para a regularización e inicio dun procedemento para facilitar a recuperación e apertura destes catro quioscos.

Deja una Respuesta