IMG_0932

Indignación entre os veciños de Teo pola errática planificación do saneamento de Rarís

Veciños do lugar de Vilela, en Rarís, manifestan a súa indignación e profundo malestar pola planificación do saneamento realizada na súa aldea. A pesar do elevado custo da obra coa que se dá acceso á rede de sumidoiros, que supera os 200.000€, esta vai prestar un servizo parcial, xa que deixa fóra do enganche a cinco fogares. Para o grupo popular, é inadmisible que agora que se vai dar resposta a unha demanda histórica se faga provocando unha arbitraria situación de desigualdade na aldea, marxinando a cinco familias.
A obra de saneamento en Vilela, cun prazo de execución de 3 meses e un custo de 204.942€, ten unha planificación errática segundo a queixa común da propia veciñanza, que critica do executivo local que "ninguén se pasara por alí antes de empezar a obra para falar cos veciños".

"Nos despachos non se fan as obras, hai que vir ás aldeas e falar coa xente antes de coller os planos", comentaba enfadado un veciño quen indicou que "se viñeran antes por aquí, esta obra non se facía así; tiña que terse feito polo camiño vello que é igual de longo, tería dado acceso a máis familias e, ao estar por debaixo do nivel das vivendas, non nos obrigaría a poñer bombeo en cada casa". En efecto, unha planificación pola pista que indica este veciño tería dado acceso a cinco casas máis.

Para os populares teenses, o enfado da veciñanza resulta sobradamente xustificado. Unha obra cun custo tan elevado non pode permitirse deixar sen servizo a cinco casas considerando que o tamaño da propia aldea é relativamente reducido. Cando, por fin, para estes veciños se producía o momento "histórico" de recibir o alcantarillado, resulta que parte deles queda sen él, provocando unha arbitraria situación de desigualdade na aldea.

Para José Manuel Guerra o que máis sorprende é que o executivo local volva caer unha vez máis na mesma problemática: gobernar de costas á participación veciñal. "Parece mentira que aqueles que, de cara á galería, venden programas de participación veciñal, logo no día a día non teñan en conta a veciñanza cando se necesita de verdade. Xa pasou nos Tilos coa praza circular. A historia repítese".

Deja una Respuesta