20160920 Fotografía Sánchez-Brunete

Piden que deixen sen efecto o requirimento ás comunidades para que arranxe as beirarrúas

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, presentou esta mañá unha moción solicitando ao Goberno local que estude, con carácter inmediato, a posibilidade de revocar os requirimentos de arranxo dos vados en mal estado, dirixidos a diversas comunidades de propietarios -entre elas, do Ensanche, Pontepedriña ou Salgueiriños-. De igual xeito, os populares reclaman a devolución das contías ás comunidades que xa executaron por conta propia o arranxo das beirarrúas.

Tras a sentenza que exime a unha comunidade de veciños de pagar o arranxo de vados no tramo que se corresponde aos garaxes, Sánchez-Brunete volveu reiterar a “inxusta” interpretación da norma e a arbitrariedade aplicada polo Goberno local: “Arranxar as beirarrúas é unha obriga municipal”. Tal e como advirte o concelleiro popular, ademais do principio de legalidade, Compostela Aberta quebrou o principio de igualdade, xa que neste momentos, a situación é a seguinte: algunha comunidade xa pagou o arranxo; outras, non; e outras, que non o fixeron aínda, viven baixo a ameaza da chegada dun requirimento. “Este é un goberno de autómatas recadatorios que non interpreta prudentemente as normas, que pensa máis en satisfacer o seu estéril apetito recadador que en atender o interese xeral”, lamentou.

Sánchez-Brunete recordou que o grupo popular xa denunciara no seu momento a interpretación abusiva que facía Compostela Aberta da norma, cambiando o criterio tras 20 anos: “O problema non está na existencia dun artigo na ordenanza; o problema está na interpretación abusiva que fixo este goberno”. “Esta sentenza -continuou- revela a voracidade recadatoria de Compostela Aberta”.

Esta normativa, que data de 1998 e inclúe a obriga ás comunidades de propietarios de manter en bo estado os vados -sempre e cando se lle puidese atribuír obxectivamente o dano-, foi actualizada e suavizada no 2012 polo goberno do Partido Popular, pero “nunca se chegou a aplicar polas dificultades para obxectivar a causa do dano e porque se entendía que non era posible responsabilizar ás comunidades”. Do mesmo xeito, Sánchez-Brunete denunciou a pasividade do Goberno local que, comprometéndose a aclarar e obxectivar este punto da normativa, aínda non deu noticias ao respecto.

“Compostela Aberta é un goberno que aplica as normas a martillazos”, denunciou o edil popular. De aí a urxencia de que o concello estude revocar os requirimentos de cobro e que devolva as contías aportadas polas comunidades de propietarios.

Deja una Respuesta