IMG_4298

Instan a CA a que reforme o aparcamento en Traspaxonal e en San Lázaro

O Grupo Municipal Popular insta á reparación de forma inmediata dos accesos á área de aparcamento de San Lázaro
-situada na confluencia da rúa San Lázaro e Clemente Fernández Sarela, fronte ao edificio da Consellería de Medio Ambiente- e do contorno que o centro da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela ten na rúa Pedro Cabezas González, na zona de Traspaxonal.

O grupo popular faise así eco da inquedanza da veciñanza e das persoas usuarias destas dúas áreas de aparcamento. Tal e como explican, na zona de San Lázaro, desde hai meses os estragos na celosía do solo incrementáronse, polo que é precisa unha actuación urxente. “Trátase dun punto de gran importancia, non só polo elevado número de persoas que o transitan por motivos laborais ou para a realización de xestións, senón porque é unha das zonas de paso do Camiño Francés”, salientan. Do mesmo xeito, o grupo popular insta a que se actúe nas inmediacións do centro de Sarela, co fin de garantir unha mellor accesibilidade ao edificio.

Os populares solicitan, tamén, que -en consonancia coa iniciativa presentada polo Grupo Municipal Socialista no pasado pleno- o Goberno local contemple como prioritaria a instalación da inutilizada estación depuradora autónoma procedente de Bornais para prestar servizo á zona dos Vilares, da parroquia de San Caetano. Esta iniciativa xorde a raíz dunha demanda veciñal dos residentes nesta zona e á vista de que da previsible tardanza na conexión á rede xeral de saneamento do concello cara á estación depuradora de augas residuais na parroquia de Villestro. Os populares destacan que se podería facilitar moito a súa instalación nesta zona, contando cos terreos sobrantes da expropiación realizada nesa zona pola Xunta de Galicia para a execución da variante de Aradas.

Por último, o grupo popular, que amosa a súa preocupación pola imaxe de desleixo e de abandono que proxecta o mal estado de conservación dos soportes de publicidade estática nas instalacións deportivas municipais e nos eventos organizados ou participados polo Concello de Santiago, insta a Compostela Aberta a que renove estes espazos estragados.

Os populares presentarán tres rogos no pleno de mañá para que se aborden con urxencia estas tres cuestións.

Deja una Respuesta