IMG_4298

Instan a Compostela Aberta a que deixe de facer política coa estación Intermodal

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, instou esta mañá ao alcalde a que “deixe de facer política coa estación Intermodal, que se preocupe pola súa tramitación e que sexa o máis proactivo posible coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento”. Neste senso, lamentou a “falta de seriedade” do concello e amosou a súa preocupación polo documento remitido polo Goberno de Compostela Aberta ao executivo autonómico: “O único que hai enriba da mesa por parte do concello é un documento filosófico, incompleto e carente de rigor”.

Agustín Hernández lamentou que o concello estea instalado na “vaguidade” e recordou que estamos ante unha tramitación técnica, administrativa e urbanística; polo que, tal e como determina a Lei do Solo de Galicia no seu artigo 73, o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións -que ten que tramitar o concello- deberá de conter a delimitación dos espazos reservados para as infraestruturas e dotacións urbanísticos concretos: “Delimitar non é filosofar, senón que é definir. E o documento remitido polo concello á Xunta de Galicia non delimita nin define nada, inclúe tan só vaguidades”. “Mal vai tramitar o concello un documento que non cumpre a lei -engadiu-”.

O voceiro popular explicou, ademais, que o documento elaborado por Compostela Aberta tampouco reúne as condicións mínimas para ser tramitado como un Plan Especial nin tampouco para ser sometido á avaliación ambiental estratéxica. Do mesmo xeito e con respecto ao deseño formulado para o viario Clara Campoamor, Agustín Hernández salientou que, fronte aos datos técnicos e concretos aportados polo goberno autonómico, “o concello tan só presenta filosofía para acreditar que esta vía poida ser de dous carrís”.

Por todo iso, o portavoz popular insta a ter unha visión integral e unha actitude proactiva, debido a que a tramitación dun plan especial require como mínimo un prazo de entre 6 e 12 meses. Neste senso, puxo como exemplo o Plan especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha que precisou de dous anos. “A tramitación ten uns requirimentos e un prazo que impida que a Xunta licite a estación ata que teñamos aprobados o plan especial”, explicou.

Deja una Respuesta