foto agustin

Instan á Deputación a encargarse do sistema de protección de datos dos municipios

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, encabezado polo seu portavoz, Agustín Hernández, levará ao pleno deste venres unha moción na que insta ao executivo provincial a facerse cargo do sistema de protección de datos nos municipios de menos de 20.000 habitantes.

Os populares demandan que a Deputación se faga responsable de dotar os mecanismos técnicos e económicos que permitan nomear e contratar ao persoal necesario para prestar este servizo nos diferentes municipios.

Hernández explicou que o cumprimento da nova Lei de Protección de Datos implica a realización dunha serie de tarefas complicadas para a maior parte dos concellos da provincia, especialmente para os de menor entidade, debido ás limitacións que existen en materia orzamentaria e de persoal.

Neste sentido, o portavoz dos populares incidiu en que a Axencia Española de Protección de Datos ten sinalado que os municipios de menos de 20.000 habitantes poden articular todo este procedemento a través da Deputación correspondente.

É un procedemento complicado, que require de persoas moi cualificadas e que, en moitos casos, é case imposible que se poida desenvolver por parte dos concellos”, indicou Hernández, quen asegura que o executivo provincial “non pode dar as costas a estes municipios nun asunto deste tipo”.

 Por outra banda, os populares aproveitaron para demandar tamén que sexa a Deputación da Coruña a que se faga cargo das auditorías ás que están sometidos os concellos de menos de 20.000 habitantes pola aplicación do Real Decreto 424/2017, no que inclúen unha serie de requisitos de control financeiro e de fiscalización e que implican unha carga de traballo que, en moitos casos, desborda a capacidade destes municipios.

 

 

 

 

 

 

Deja una Respuesta