image

Instan ao Concello a que reconsidere o cobro dos vados

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, alerta de que o concello está enviando requirimentos a varios veciños -propietarios de vivendas unifamiliares- para que abonen taxa por vado; cando neste tipo de urbanizacións non se dá un aproveitamento especial do dominio público, por non haber nin praza de aparcamento nin beirarrúa e, polo tanto, non se produce ningún tipo de dano sobre el nin menoscabo para o uso xeral do espazo.

O concelleiro popular amosou a súa preocupación pola “interpretación excesiva” que fai Compostela Aberta da norma e insta ao Goberno local a que “sexa prudente” á hora de remitir estes requirimentos. “Pedímoslle que os reconsidere e que os estude”, indicou Sánchez-Brunete; quen incidiu, ademais, que, no marco actual de modificación da ordenanza fiscal relativa aos vados, “se aclare esta situación en beneficio da lóxica e non se grave a entrada ou saída dun vehículo dunha vivenda unifamiliar na que non hai nin beirarrúa nin aparcamento”. Neste senso, ironizou con que, se Compostela Aberta segue a facer este tipo de interpretacións extensivas da norma, “chegará a cobrar aos comercios polo uso da beirarrúa que faga a xente diante dos escaparates”.

Neste senso, o concelleiro subliñou que este suposto non está contemplado na normativa, por non darse un uso especial do chan público. Tal e como explicou, por aproveitamento especial do dominio enténdese “o que, sen impedir o uso común, supón unha concorrencia de circunstancias tales como o perigo ou a intensidade do mesmo, preferencia no caso de escaseza, a obtención dunha rendibilidade singular ou outras semellantes, que determinan un exceso da utilización sobre o uso que corresponde a todos ou menoscabe deste”. “Unha cousa é a regularización fiscal para aqueles que, tendo a obriga, non pagan a taxa de vado, coa que evidentemente estamos de acordo; e, outra ben distinta, é estender o requirimento a supostos que non están incluídos na ordenanza. Tan só se pode esixir o cobro se se dá un aproveitamento especial do dominio público”, subliñou.

“Levamos un mandato no que Compostela Aberta xa manifestou o seu apetito fiscal. Empezou co intento de subida do IBI; tamén lle aplicou ás comunidades de propietarios o arranxo das beirarrúas; e, fai uns días, este grupo alertaba da posible emboscada fiscal que se pode estar dando coa activación dos accesos ao casco histórico”, finalizou.

Deja una Respuesta