IMG_4298

Instan oa goberno de Compostela a elaborar un anteproxecto de orzamento

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, considera que o Goberno local debería trasladar unha proposta do anteproxecto de orzamento aos diferentes grupos da oposición, que incorpore todos os acordos aprobados nos plenos celebrados neste mandato, priorizando aquelas iniciativas que contaron co apoio unánime de toda a Corporación. “O normal sería que o goberno, en lugar de pedir unha opinión en frío, fixera un anteproxecto de orzamento e o sometera á opinión dos grupos da oposición”, salientou. “As prioridades do concello -engadiu- están reflectidas nos acordos dos plenos ao longo deste ano e medio. En base a esas prioridades, Compostela Aberta debería facer unha proposta para poder estudala e analizala”.

O voceiro informou de que o grupo popular, o venres pasado, trasladou ao Goberno local unha serie de puntualizacións ao respecto do Orzamento Municipal para 2017. No tocante ás actuacións incluídas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI), Agustín Hernández considera insuficiente a partida de 40.000 euros para desenvolver as actuacións necesarias no viario municipal (reordenación viaria), unha vez implantada a nova Estación de Autobuses. “É unha contía escasa á vista de que a estación conta con fondos FEDER e cun anteproxecto redactada pola Xunta de Galicia e á vista, tamén, que o Goberno galego inclúe no seu orzamento para 2017 unha partida de medio millón de euros”, salienta o portavoz popular, que propón a confección dun cronograma e unha identificación de todas as actuacións necesarias, co obxecto de programar as anualidades precisas que permitan que a estación Intermodal conte con accesos en tempo e forma. “Neste plantexamento -engadiu-, a anualidade de 40.000 euros para o 2017 é mínima; menos do 10% do que recolle a Xunta de Galicia para a Intermodal”.

Así mesmo, o portavoz solicita a recuperación do proxecto dun aparcamento público na avenida da Coruña: “Esta actuación foi proxectada no mandato anterior e conta con estudo de viabilidade, polo que resolvería un problema histórico de déficit de prazas de aparcamento na zona do Ensanche”.

Tal e como trasladou o pasado ano, Agustín Hernández reiterou o posicionamento do grupo popular referido ás subvencións nominativas e subliñou a necesidade de redactar, tramitar e aprobar un plan municipal de subvencións que dea cobertura ás mesmas e que determine unha senda de minoración do número, así como dos importes das mesmas, e se aposte por un proceso de concorrencia competitiva.

Deja una Respuesta