teo

JOSÉ MANUEL GUERRA SOLICITA Á XUNTA UNHA SENDA PEONIL EN PONTEVEA

O líder do PP en Teo, José Manuel Guerra, ven de solicitar ao Goberno galego unha nova senda peonil en Pontevea, unha petición que trasladou ao delegado da Xunta na provincia da Coruña, Diego Calvo, no trascurso dunha xuntanza celebrada esta semana.

A nova senda, con punto de partida no centro de saúde e un trazado de 900 metros que irá cara ao norte de Pontevea, suporá unha mellora para a mobilidade e a seguridade viaria da poboación desa zona do municipio, continuación á obra realizada no ano 2013 -que conecta o núcleo urbano co centro médico- e unha firme aposta pola seguridade viaria nun punto tan sensible pola continua circulación de familias e rapaces que acceden á escola infantil e ao centro médico.

O delegado da Xunta amosou unha total receptividade á proposta e comprometeuse a avaliar a solicitude, no marco dos plans do executivo galego para favorecer a mobilidade alternativa de núcleos rurais con servizos do entorno e con outros núcleos próximos.

Dende a pasada lexislatura José Manuel Guerra mantén que “a seguridade na rede viaria non semella unha prioridade para o goberno local”, unha opinión compartida daquela pola voceira do partido socialista, quen hoxe ten asumida a carteira de Urbanismo e parece terse esquecido das palabras que formulaba hai tan só uns meses. O PP segue a solicitar un plan de seguridade viaria considerando que “é un dos grandes problemas que se segue padecendo en Teo sen visos de mudar”. Os populares, dende o inicio da pasada lexislatura, fan unha clara aposta polo modelo das sendas peonís.

Continuación do traballo de seguridade en Pontevea

A finais do ano 2013 o grupo popular transmitía os perigos diarios aos que se veían sometidos os peóns nas inmediacións do centro de saúde de Pontevea (exactamente no punto kilométrico 10,8 da AC-481). Ao mesmo tempo, José Manuel Guerra contactaba co entón conselleiro Agustín Hernández para darlle conta pormenorizada da situación que se vivía; nesta reunión comentouse a necesidade que había dun paso de peóns con semáforo.

Coa máxima celeridade, a CMATI iniciou as obras mellorando incluso a proposta realizada por Guerra, xa que se executou a maiores unha senda peonil para facilitar o desprazamento a pé dende o núcleo urbán de Pontevea ata o centro médico, feito que dende o grupo popular de Teo se agradeceu polo servizo que ofrece á veciñanza da parroquia de Reis.

Deja una Respuesta