val do dubra

Lamentan que o alcalde de Val do Dubra só reaccione "cando lle tocan o peto"

O grupo municipal do Partido Popular de Val do Dubra, encabezado polo seu portavoz, Ramón Varela, saíu hoxe ao paso das críticas vertidas polo alcalde, Antonio Negreira, sobre a petición dos populares dun pleno extraordinario no que abordar a retirada do soldo do rexedor.

Para Varela, as palabras do señor Negreira non son máis que “unha pataleta” dun alcalde que o único que pretende é “tratar de silenciar” o labor de oposición levada a cabo polos populares, unha actitude “propia de réximes políticos chavistas e pouco democráticos”.

“Resúltanos curioso que despois de máis de dous anos á fronte da alcaldía, o rexedor só reaccione cando se lle toca o peto no referente ao seu soldo”, apuntou Varela, para quen queda confirmado cales son as “verdadeiras preocupacións do mandatario”.
O portavoz popular referiuse tamén á posible moción de censura da que fala o señor Negreira. Sobre esta cuestión, Varela indicou que “o único que censura o Partido Popular é a forma de gobernar dun executivo local que está a comprometer o tecido empresarial e a economía da zona cun período de pago a provedores inaceptable para un municipio serio”.

Neste sentido, os populares de Val do Dubra xa avanzaron que, si o que lle preocupa ao alcalde é non perder o seu soldo de 39.606 euros, teno moi sinxelo: “Que pague aos provedores, e en canto así sexa, nós non teremos ningún problema en que se lle volva abonar esta cantidade. Si quere o seu soldo terán que gañalo como fan todos os traballadores”.

Un goberno irresponsable
Por outra banda, o portavoz dos populares acusou a Negreira de “abandono das súas funcións como alcalde”, en referencia a que a “súa irresponsabilidade” provocou, entre outras cousas, que Val do Dubra perda unha axuda para a posta en marcha de dous obradoiros de emprego, un deles cunha achega de 180.000 euros, en colaboración cos municipios da Baña, Negreira e Santa Comba.

“En lugar de dedicarse a criticar á oposición, debería dar unha explicación convincente aos parados dos municipios que se quedaron sen un obradoiro que supuña unha gran oportunidade para atopar un posto de traballo”, apuntou Varela, quen asegurou que é unha “vergoña inadmisible” que Val do Dubra presentase mal os papeis para optar a estes obradoiros e que queden tamén outros sen estas axudas.

Ante esta situación, desde o Partido Popular de Val do Dubra instan ao rexedor a que abandone “dunha vez por todas o seu papel de vítima”, e úrxeno a que “colla o touro polos cornos” dun executivo local “lesivo para os intereses dos veciños”.

Deja una Respuesta