IMG_0139

Lémbrallen a CA o compromiso de compensar os gastos dos locais socioculturais dos veciños

Os centros socioculturais da Casa Agraria, situado na zona do Meixonfrío, e o de Aríns seguen a soster a súa actividade grazas ao esforzo económico directo da veciñanza que cada ano afronta a totalidade dos gastos correntes destas instalacións, como a auga, a enerxía eléctrica e mesmo o imposto municipal de bens inmobles (IBI). A situación supón un agravio comparativo respecto dos outros 40 centros que integran a rede municipal de centros socioculturais do Concello de Santiago, cuxos gastos son asumidos integramente polo orzamento municipal.

 

Para tratar de remediar esta desigualdade, o Pleno Municipal aprobou en xullo de 2017 co apoio de todos os grupos –incluíndo o do goberno municipal- unha iniciativa proposta polo PP para “estudar e adoptar ao longo do ano actual algunha medida compensatoria para que o Concello contribúa economicamente ao mantemento dos centros socioculturais de titularidade veciñal –na actualidade os da Casa Agraria no Meixonfrío e o de Aríns- para equiparar o seu tratamento co resto da rede pública de locais onde se desenvolven actividades de carácter social e cultural promovidas pola Administración municipal.”

 

Non se pode comprender como ao longo do todo o tempo transcorrido o Goberno de Compostela Aberta non teña atopado ningunha solución nin posto en práctica ningunha medida compensatoria para paliar esta situación. A demora na resposta a estes casos contrasta coa facilidade do Goberno local para afrontar outros gastos, como os realizados para adaptar algún local veciñal de propiedade dun terceiro e en alugueiro que non tiveron problema para seren incluídos no orzamento municipal.

 

A falta dunha proposta por parte do Goberno, o Grupo Popular apunta a posibilidade máis inmediata de incluír no orzamento municipal algún tipo de subvención para as entidades veciñais que veñen custeando os gastos destes dous centros, por un importe que viñera a compensar os gastos anuais de  funcionamento e equilibrar así a situación destas instalacións.

 

Deja una Respuesta