B30C6F1

Lamentan que o alcalde tardase máis de 2 anos en estudar a rebaixa do IBI

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Mazaricos, Nico Martínez, lamentou hoxe que o alcalde, Juan José Blanco, recoñecese publicamente agora que o executivo local está a estudar a posibilidade de levar a cabo unha rebaixa no Imposto de Bens e Inmobles (IBI).

Os populares lembraron que a súa formación xa expuxo en septembro do 2015, a posibilidade de reducir este gravame, ao entender que a carga impositiva que soportaban os veciños de Mazaricos era “moi elevada” nun momento no que a situación económica era moito máis complicada que a actual.

“Non imos ser nós os que nos opoñamos a esta medida, pero non entendemos os motivos de por que o goberno local non a levou a cabo no seu día”, indicou Martínez, quen considera que, o feito de non reducir este imposto, o único que provocou é unha “diminución importante” na capacidade adquisitiva da xente do municipio.

Para Martínez, a revisión catastral posta en marcha polo Ministerio de Facenda nos últimos meses é só “un motivo máis” para xustificar a redución o IBI, pero sostén que, sen ela, o executivo local tamén tiñan argumentos suficientes para poder diminuír este imposto.

“Unha vez máis, o Concello de Mazaricos vai tarde, mal e arrastro á hora de tomar decisións e de xestionar pensando no ben dos veciños”, dixo o portavoz popular, quen instou o señor Blanco a, en primeiro lugar, pedir perdón aos veciños, e, en segundo lugar, facer efectiva canto antes esta proposta.

Deja una Respuesta