2016-12-05-PHOTO-00000001

Núñez resalta que os orzamentos reforzan o compromiso da Xunta coa autovía

O deputado autonómico Aurelio Núñez asegurou hoxe que os orzamentos autonómicos reforzan o compromiso da Xunta de Galicia coa continuación da autovía da Costa da Morte ata Vimianzo, para o que neste exercicio destinaranse 250.000 euros na elaboración dun estudo do proxecto.

Nunha rolda de prensa para valorar o documento económico, e acompañado polos alcaldes de Laracha e Malpica, José Manuel López Varela e Eduardo Parga, e polo portavoz popular no municipio de Zas, David Gómez, Núñez insistiu en que a infraestrutura viaria resulta "fundamental" para o desenvolvemento social, económico e industrial da comarca da Costa da Morte.

Neste sentido, o deputado autonómico subliñou que, ademais dos 250.000 euros para o estudo do proxecto, a Xunta achegará os 22,5 millóns que corresponden ao pago do canon anual porque, explicou, "as obras hai que facelas pero, sobre todo, pagalas".

Outros investimentos
Noutro orde de cousas, Núñez tamén quixo destacar os dous millóns de euros que a Xunta investirá, durante os dous próximos anos, nas obras que permitirán a ampliación da Edar de Laracha; ou os 530.000 que o goberno autonómico destinará á creación de sendas peonís en varios concellos da comarca de Bergantiños.

Ademais, o popular quixo deterse tamén no que cualificou de "importantes" partidas para os portos de Laxe e de Fisterra. Para o primeiro, a Xunta destinará 1.200.000 euros na mellora do seu dragado, mentres que para o segundo o investimento será de 830.000 euros no reforzo do seu peirao de abrigo. A estas cantidades hai que engadir os 115.000 euros consignados para a posta en marcha de novos equipamentos pesqueiros no porto de Camariñas.

Por outra banda, Núñez puxo tamén sobre a mesa os 400.000 euros que o goberno autonómico investirá na ampliación das aulas e nos talleres de FP de distintos centros educativos da comarca para a implantación de novos ciclos formativos.

No que fai referencia á parcela sanitaria, o deputado popular resaltou a partida económica que permitirá a ampliación do PAC de Laracha, así como o compromiso para a transferencia ao Sergas dos centros de saúde de Laracha e de Laxe.

160 millóns de gasto para a comarca
"O gasto da Xunta nos concellos de Bergantiños e da Costa da Morte esta preto dos 160 millóns de euros", indicou Aurelio Núñez, unha cantidade que demostra o compromiso do goberno autonómico con esta comarca.

Por último, o deputado cualificou os orzamentos como un documento "razoable e responsable", e destacou que as partidas crecen en todas as consellerías, especialmente na de Política Social e na de Economía.

Neste sentido, Núñez fixo fincapé en que o obxectivo do goberno autonómico é trasladar á cidadanía galega "os primeiros beneficios da recuperación económica" que está a experimentar Galicia.

Deja una Respuesta