RUEDA DE PRENSA AURELIO NÚÑEZ

Núñez subliña que a creación dos distritos sanitarios blinda a continuidade do Hospital de Cee

O deputado autonómico Aurelio Núñez destacou esta mañá que a creación do distrito sanitario da Costa da Morte, recollida no borrador do anteproxecto para a reforma da Lei de Saúde, permitirá blindar a continuidade do Hospital de Cee.
Nunha rolda de prensa, e acompañado por representantes dos populares da comarca, asegurou que o paciente “será o gran beneficiado” dunha reforma que pretende “ofrecer máis e mellores servizos” ás persoas.

“O obxectivo da reforma é achegar a atención ao domicilio do paciente, que os hospitais estean máis preto da xente, non que os veciños teñan que achegarse aos centros”, apuntou o deputado autonómico, quen sinalou que o texto mellora tamén aspectos laborais dos profesionais.

Núñez encomiou tamén a “transparencia” na tramitación dunha reforma que se publicou na páxina web da Xunta de Galicia para que “todo o que queira poida presentar alegacións que a melloren”.
“Os que falan de escurantismo son os mesmos que pretenden sacar do debate político o documento e o único que fan é criticar sen achegar nada”, afirmou o deputado.

Case un millón de euros de inversión
Núñez aproveitou a cita para valorar de maneira “moi positiva” o esforzo inversor realizado polo executivo autonómico para mellorar a atención sanitaria no Hospital Virxen da Xunqueira de Cee.

En concreto, o popular subliñou que os 949.213,18 euros investidos polo goberno galego desde o ano 2012 ata o primeiro semestre do 2017 permitiron, entre outras cousas, mellorar e potenciar o servizo de radioloxía e mamografía, así como para renovar e incrementar o equipamento do centro.

“Os datos reflicten de xeito evidente o firme compromiso da Xunta para manter e mellorar un hospital que resulta fundamental para esta comarca”, apuntou o popular, quen destacou que o número de consultas atendidas en endocrinoloxía e rehabilitación ata o primeiro semestre deste ano superou xa a barreira das 13.154.

Núñez fixo fincapé tamén en que a reforma da Lei de Saúde permitirá consolidar na área sanitaria da Costa da Morte o modelo das Estruturas Organizativa de Xestión Integrada (EOXI), que desde o ano 2012 evitou que case 11.000 pacientes tivesen que viaxar ata a cidade da Coruña para ser atendidos.

Deja una Respuesta