IMG_0139

“O 2016 é un ano perdido: cun goberno ausente e sen proxecto de cidade"

“O 2016 é un ano perdido para Santiago: cun goberno ausente, parado, sen proxecto de cidade e que se mantén de perfil ante os problemas”, salientou o voceiro popular, Agustín Hernández, nun almorzo informativo cos medios de comunicación para facer balance do ano. “Desde a chegada de Compostela Aberta a Raxoi -engadiu-, Santiago deixou de ser unha cidade activa para converterse nunha cidade sen rumbo, unha cidade á deriva”. “Goberno máis preocupado por vender unha cidade rebelde que por confeccionar un proxecto de futuro para Santiago”, lamentou.

Cualificou o goberno de Compostela Aberta coma “o Rei Midas dos problemas”: goberno creador de problemas e de conflitos. Neste senso, Agustín Hernández lamentou que aos vellos problemas de 2015 se lle sumaran outros novos sen aínda solución. O agravamento da problemática social e de convivencia que se vive no entorno da praza do Toural, o abandono do Refuxio de Bando e o desmantelamento do proxecto cultural e turístico foron algunhas das cuestións ás que fixo referencia. “Compostela Aberta aínda non explicou as causas da marcha de Turkish Airlines nin tampouco recoñeceu que por culta do seu sectarismo provocou a espantada de ELAL, a compañía israelí que quería abrir unha conexión directa entre Santiago e Tel Aviv”, incidiu.

O portavoz do grupo popular destacou “a pereza” e a “incapacidade crónica” de Compostela Aberta na xestión: “O 2016 remata tal e como comezou: sen noticias do Plan Especial do Casco Histórico nin do Plan Estratéxico de Turismo; sen os orzamentos aprobados en tempo e forma; coa prórroga de contratos municipais -17 contratos prorrogados e 8,8 millóns de euros de custe para as arcas municipais-; con graves problemas de mantemento; con grandes atrasos na tramitación -comedores escolares, pista de xeo, alumeado de Nadal…-; sen unha solución para a Nave 5 do Mercado de Abastos ou para o problema medioambiental do río Sar”. Do mesmo xeito, Agustín Hernández subliñou que “Compostela Aberta non só non fai, senón que tampouco deixa facer”, en referencia ás continuas trabas que o goberno de Martiño Noriega ponlle á Xunta de Galicia no avance da estación Intermodal.

Tamén se referiu ao “falso compromiso social” de Compostela Aberta, que nin erradicou os desafiuzamentos nin incrementou o investimento social, que deu as costas ás entidades sociais, que levou a cabo unha reformulación ideolóxica das subvencións nominativas e que aprobou un simple tuneado da renda social do Partido Popular. O 2016, tal e como puxo de manifesto Agustín Hernández, é o ano no que se produciu un perigoso cambio de tendencia na situación económico financeira: creceu o período medio de pago ata os 42,42 días, incrementouse o nivel de endebedamento e o nivel de execución do orzamento non acadaba o 50% a falta de tres meses para rematar o ano.

É un goberno que é débil cos fortes -renuncia á renovación da frota de autobuses e á defensa dos intereses de Santiago no convenio de Os Tilos-; e, pola contra, é un goberno forte cos débiles -intento de subir os IBI a todos os santiagueses, grava o arranxo dos vados ás comunidades de propietarios e aplica unha emboscada recadatoria a condutores e taxistas nos accesos á cidade histórica-.

Un goberno tocado xudicialmente
O portavoz popular acusou a Martiño Noriega de ser o único responsable da parálise na que vive a cidade. “Noriega, que desembarcou en Santiago coa súa lenda de alcalde de Teo, descubriuse como un bluf, un timo. E a consecuencia é que Santiago estalle servindo de decorado para o sainete do timo de Noriega”.

Recordou tamén que Compostela Aberta termina este 2016 cun concelleiro imputado por prevaricación -o primeiro cargo imputado das Mareas de Podemos-, “un dos homes fortes do goberno de Martiño Noriega e socio cofundador de Compostela Aberta”. “É un goberno tocado, que vai camiño de ser un goberno fundido”, sentenciou.

Deja una Respuesta