IMG_5228

“O 25S hai que dicir si a Galicia e non ao bloqueo do multipartito"

As candidatas ao Parlamento galego, Ethel Vázquez e Paula Prado, participaron, esta noite, nun mitin en Arzúa, no que destacaron que “o que está en xogo o vindeiro 25 de setembro é o futuro de Galicia, desta comarca e deste concello; pero, sobre todo, está en xogo o futuro dos galegos e dos veciños desta comarca e deste municipio”.

Paula Prado subliñou que “é o momento de dicir si a Galicia, si á estabilidade e si á seriedade; e é o momento de dicir non ao bloqueo que pretende o multipartito”. Neste senso, referiuse á estabilidade como garantía de que as empresas se instalen en Galicia e xeren postos de traballo: “Empresas tan importantes como, por exemplo, Goodleit, que transformará 400.000 toneladas de leite ao ano, isto é, o 17% do total da produción leiteira de Galicia, e creará 130 postos de traballo”.

Paula Prado indicou que fronte ao goberno de Núñez Feijóo temos un multipartito do que descoñecemos o seu proxecto, “que non lle importa os nosos maiores, nin lle preocupa os nosos nenos e nenas, que non fala de mellorar os servizos sociais nin explica cal é o seu programa para xerar emprego”.

Pola súa banda, Ethel Vázquez destacou que para o avance de Galicia é “necesaria unha maioría estable para demandar coa forza suficiente que o Goberno de España que continúe ese gran esforzo que nos últimos anos permitiu abrir os primeiro treitos da autovía entre Santiago e Lugo e remate, canto antes, cos treitos pendentes que tanto precisa e demanda Arzúa”. “Os veciños de Arzúa -engadiu- precisan dun goberno estable que pense neles; e non un lío de partidos enfrontados”. Neste senso, incidiu no programa do PPdeG, un proxecto centrado nas verdadeiras necesidades dos galegos: “Centrado na reactivación económica e na creación de emprego, con máis medidas para continuar apoiando á xente do rural. Porque non pode haber unha Galicia próspera sen un rural vivo”.

Para finalizar, destacou que Arzúa precisa de iniciativas que contribúan a atraer xente nova, a fixar poboación para manter a vida no rural, dinamizando tamén a economía. “E necesita de medidas para garantir que o Camiño de Santiago siga tendo aquí un paradigma da beleza e da tradición da nosa terra que atrae cada ano a milleiros de visitantes”.

Deja una Respuesta