O Concello de Ordes aínda debe a Sogama máis de 180.000 € euros por facturas impagadas

O Concello de Ordes oculta aos veciños as verdadeiras razóns que se agochan detrás da devolución da factura de Sogama correspondente ao pasado mes de marzo.

Máis aló dos argumentos aportados oficialmente polo Concello, o Partido Popular recorda que a bancarrota xerada polo Executivo que preside Manuel Regos fixo que este xa deixara de pagar facturas de Sogama durante varios meses dos anos 2010 e 2011, xerando entón unha débeda total de preto de 250.000 euros. En agosto de 2012, Concello de Ordes e Sogama asinaron un acordo encamiñado a liquidar esa débeda, que se continúa saldando a día de hoxe e que obrigará ao Concello a efectuar un desembolso de 138.009,42 euros no ano 2014, e deixando aínda pendente a contía de 42.806,68 euros para 2015 con esa mesma finalidade.

Así pois, a devolución da factura de Sogama é tamén unha nova mostra da política de non pagar as súas facturas por parte do goberno do Concello de Ordes, contrastado o feito polas facturas aínda pendentes de pago, e non unicamente aos argumentos vitimistas que o alcalde esgrime para eludir a súa responsabilidade, pois a suba do canon afecta a todos os Concellos aos que lle xestiona o lixo Sogama por igual.

"En lugar de gastar os cartos dos veciños en pancartas e revistas, o alcalde debería poñer todas as contas en orde, contar a verdade aos veciños e recoñecer que o burato financeiro que el mesmo xerou a partir do verán de 2007 no Concello condicionará as inversións nos próximos anos", afirma o portavoz municipal do Partido Popular de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.

Ordes case duplica en débeda por veciño á media dos concellos galegos

A día de hoxe, o Concello de Ordes acumula unha débeda viva total de 6,36 millóns de euros, aos que hai que sumar débedas con outras administracións (Sogama, Estado), e os importes dos xuros dos préstamos bancarios que remataremos de aboar no ano 2022.

Tan só esta débeda viva (é dicir, a contraída coas entidades bancarias) implica a cada veciño de Ordes ter que responder por 500 €, co que practicamente se duplica á media de Galicia, situada en 260 €/habitante

Deja una Respuesta