VISTA LATERAL CASTELO DA ROCHA - ANO 2015

O Grupo Popular advirte do desleixo no mantemento do Castelo da Rocha

A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Antón, denunciou esta mañá o estado de abandono do enclave do Castelo da Rocha Forte, situado preto da liña férrea na parroquia de Conxo.

A actual situación desta peza singular do patrimonio histórico contrasta cos traballos desenvolvidos nos últimos anos para rescatar e poñer en valor os restos dunha das máis importantes fortalezas medievais de Galicia, a través dunha importante actividade arqueolóxica e o complemento de labores de investigación, protección, promoción e difusión aos que se leva destinado un importante montante económico .

María Antón fixo fincapé no feito de que no traspaso de poderes que o Goberno do Partido Popular realizou a Compostela Aberta en xuño de 2015, presentouse un extenso informe no que se reflectía a previsión de novas actuacións para continuar coa posta en valor do Castelo da Rocha, cun primeiro paso a través do procedemento de expropiación dos terreos necesarios para un aparcamento, unha edificación dotacional ou camiños interiores para o acceso aos restos do monumento.

O Goberno actual tardou máis de un ano en aprobar o inicio do expediente de expropiación, a información pública coa publicación no DOG do 1/12/2016 e a notificación das taxacións oficiais aos afectados polo procedemento expropiatorio. Na actualidade están pendentes as alegacións presentadas e a aprobación definitiva do proxecto pola Xunta de Goberno Local “que co ritmo actual de CA podería prolongarse durante unha década”.

Para o Grupo Popular a abundancia de maleza no acceso e no interior, os problemas de seguridade no perímetro do xacemento, co conseguinte risco para o propio castelo como para as persoas que poden entrar polos buratos realizados nas reixas que pechan o recinto, así como as deficiencias na sinalización e nos paneis informativos, contrastan co continuidade das visitas guiadas a este emprazamento. María Antón dubida dos beneficios desta programación ante a situación do lugar: “non sei cal será o grao de satisfacción dos visitantes, xa que posiblemente as expectativas non se vexan satisfeitas coa realidade”. A concelleira advirte que “Compostela Aberta o fía todo a unha planificación de futuro como a EDUSI, pero hai cuestións que custan moi pouco diñeiro e que permitirían manter o Castelo nunhas mellores condicións á espera de actuacións máis importantes, como as rozas no exterior que poderían facerse perfectamente dentro da campaña xeral que promove o Concello, ou a limpeza no interior a través dun contrato menor de mantemento como o que se tiña en anos anteriores”.

O Grupo Popular destaca a “herdanza turística altamente satisfactoria que recibiu este Goberno” e lamenta que mentres Compostela Aberta leva meses tratando de abrir debates estériles sobre a calidade do turismo, non se tomen medidas factibles e concretas, como a posta en valor do Castelo da Rocha ou a reactivación agrupación Área Santiago que segue paralizada, poñendo en evidencia o completo abandono e a ausencia dun traballo diario que permita incrementar o inmenso potencial de Santiago e da súa área de influencia, contribuíndo a fixar a estancia media das persoas que visitan a cidade, que no pasado ano 2016 foi unha das máis baixas dos últimos anos (1,6 días de media).

O longo traballo para a recuperación do “maior castelo de Galicia”

A primeira referencia do Castelo da Rocha data do século XIII, aínda que a súa construción puidera ser anterior, e constitúe unha referencia fundamental na historia de Compostela e da Galicia medieval, como residencia arcebispal, punto de control comercial e bastión militar ata que foi arrasado pola revolta irmandiña a mediados do século XV.

Desde principios do actual século, dándolle resposta ás inquedanzas da veciñanza da zona, as sucesivas corporacións municipais veñen incluíndo a recuperación do Castelo da Rocha Forte nas súas programacións, acadando o seu punto culminante no ano 2013 coa concesión dunha subvención para este fin por parte do Ministerio de Cultura por importe de un millón de euros. A partir dese ano, e xunto cos traballos arqueolóxicos, elaboráronse traballos de investigación, púxose en marcha unha páxina web específica e comezáronse a programar vistas guiadas para coñecer a historia e os restos deste importante enclave, visitas que o actual Goberno interrompeu en 2016 e volveu a programar no ano actual.

Paralelamente, desde o Consorcio da cidade de Santiago por encomenda do Concello elaborouse o Plan Especial de protección e acondicionamento do Parque Arqueolóxico da Rocha. Un Plan que foi aprobado definitivamente polo Pleno do Concello en xaneiro de 2015 e publicado no BOP do 15 de abril de 2015.

Deja una Respuesta