foto I

O PP demanda a reposición urxente dun paso de peóns na rúa República do Salvador

O Grupo Municipal Popular reclama a inmediata reposición do paso de peóns situado na rúa República do Salvador, na súa confluencia coa rúa de Xeneral Pardiñas. O citado paso foi suprimido a principios do mes de novembro pasado como consecuencia das obras levadas a cabo para a reparación dunha rotura na rede de sumidoiros que efectuou a empresa concesionaria do servizo municipal de abastecemento e saneamento. A pesar do remate das obras e de que os traballos de reposición do firme e servizos concluíron nos primeiros días do pasado mes de decembro, o paso de peóns que existía no punto onde se desenvolveron as obras continúa sen pintar.

A falta deste paso de peóns afecta de forma moi notable a seguridade e por ese motivo a súa reposición debería ser executada de forma urxente e prioritaria, tendo en conta a densidade de tránsito de persoas e vehículos por esta céntrica zona. Con ese fin, o Grupo Popular insta ao Goberno municipal a que dea as instrucións precisas para que coa maior urxencia se volva a pintar o paso de peóns afectado pola citada obra hidráulica.

Para o Grupo Popular resulta inaudito o desleixo que mostra o Goberno á hora de actuar neste caso, pois é notoria a desaparición deste paso que é reiteradamente advertida pola Policía Municipal e hai que ter en conta o alto índice de atropelos rexistrados no Concello en 2017. O pasado ano, con 64 atropelos -19 máis que en 2016-, acadouse a cifra máis alta dos últimos 5 anos, superando nun 20% a media dese período.

Aínda que as causas dos accidentes son moi variadas e na súa maior parte atribuíbles a factores humanos, a Administración debe velar para poñer disposición todos os medios materiais posibles para tratar de reducir este tipo de sinistros. A este respecto, cómpre lembrar que existe un acordo plenario, que Compostela Aberta non apoiou e o Goberno ignora, para incidir nunha maior seguridade nos pasos de peóns con diversas medidas, entre elas unha maior iluminación e visibilidade nas zonas de paso, cuestión que gran transcendencia cando se constata que unha gran parte de atropelos se producen cando se dan condicións de escasa visibilidade ou en horario nocturno.

Deja una Respuesta