20171201 Fontiñas_muro contención

O Grupo Popular demanda unha actuación urxente para reparar os muros das Fontiñas

O Grupo Municipal Popular reclama a inmediata reparación da muro de contención da plataforma na que se asenta un edificio situado entre as rúas París e Luxemburgo, no barrio das Fontiñas. Desde hai varias semanas, unha ampla superficie permanece apuntalada e os accesos das inmediacións, valados, sen que por parte do Goberno local se teñan adoptado as medidas necesarias para asegurar a estrutura e rehabilitar a zona afectada.

É a segunda ocasión en poucos meses que se rexistra unha incidencia semellante, logo de que no mes de maio pasado se derrubara un muro de contención na rúa Moscova -nas proximidades da zona agora afectada e nas inmediacións do centro de ensino infantil público das Fontiñas-.

A situación dos grandes muros pétreos nos terreos sobre os que se asentan moitas das edificacións do barrio das Fontiñas é, desde hai anos, un motivo de preocupación para o Grupo Popular, ante a posibilidade de que un desprendemento nestes muros, con pezas de gran peso e tamaño, acabe afectando a algunha persoa.

Os populares recordan que, durante o pasado mandato, comezouse a actuar de urxencia en dúas mazás, unha na contorna da rúa Bruxelas e outra entre as rúas Londres e Lisboa, onde se chegaron a investir máis de 20.000 euros para garantir a seguridade nesas zonas. Para continuar aquel labor e ante a constatación de novos problemas, o Grupo Popular presentou no pasado mes de xuño unha iniciativa ao pleno municipal, que foi aprobada por unanimidade, para que se levara a cabo “á maior brevidade” unha
diagnose xeral da situación destes muros de contención sobre os que se asentan as
edificacións das Fontiñas e que se realizara unha planificación para a reparación das
“patoloxías” que se consideraran máis urxentes. O acordo tamén sinalaba a elaboración
dun plan de inspección, conservación e mantemento permanentes dos muros de
contención “que se deberá estender tamén aos pavimentos das beirarrúas no contorno
deste barrio”.
O acontecido nesta zona comprendida entre as rúas París e Luxemburgo vén a demostrar,
ademais dun novo incumprimento de Compostela Aberta, a urxencia de desenvolver as
actuacións acordadas. É por isto que o grupo popular, que traslada a inquedanza dos
veciños e veciñas de Fontiñas, insta ao Concello a que actúe sen máis dilación e comece
de forma inmediata por esta obra.

Deja una Respuesta