Image-1

"O orzamento é reflexo dun bipartito carente de ambición e sen proxecto de provincia”

O portavoz do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, afirmou hoxe que a proposta de orzamento da institución provincial para o 2017 pon de manifesto que o goberno bipartito "carece de ambición e de proxecto de provincia" e que reflicte "o conformismo e a procura de comodidade" tanto do PSOE como do BNG.

En rolda de prensa, e acompañado polas tamén deputadas provinciais Mariel Padín e Susana García, Hernández destacou que as contas da Deputación da Coruña foron "conxeladas", tendo en conta que se prevé un "mínimo incremento" do 0,52%, pasando dos 175.045.000 millóns de euros do ano 2016 aos 176.515.000 do 2017.

Neste sentido, o portavoz popular tachou de "pasota e pasivo" a un goberno provincial ao que acusou de estar afastado das necesidades dos concellos da provincia. Así, Hernández puxo como exemplo o incremento do gasto corrente previsto para o próximo ano, a redución da partida para investimento transferido aos concellos e a diminución do gasto social en capítulos como as políticas de fomento de igualdade.

"Estamos ante un goberno instalado na moqueta, que destina máis fondos para os gastos de funcionamento e menos a investimento nos municipios. A xente ten que saber que este bipartito nos sairá 2,5 millóns máis caro a todos os cidadáns da provincia", indicou Hernández.

Menos actividade económica, menos emprego
Así mesmo, o popular detívose no descenso de máis de 4,5 millóns que sofre o capítulo de investimentos, unha diminución dun 20% que se traducirá en menos posibilidades para reactivar a economía e para a creación de emprego na provincia.

Ademais, Hernández indicou que os 762.000 euros menos que terán os concellos en transferencias provinciais reflicten unha "falta de sintonía e de conexión" entre o bipartito e os concellos da provincia.

Noutra orde de cousas, o portavoz dos populares fixo fincapé tamén na diminución do orzamento destinado ao capítulo de conservación e mantemento de vías e obras provinciais.

"É certo que se temos en conta só a partida de mantemento, esta se incrementa en 2,2 millóns. Con todo, se sumamos o plan de Conservación e o plan de Mantemento o descenso é de 1,6 millóns respecto ao ano 2016", explicou Hernández.

Menos para acción social e para deporte
O popular tamén chamou a atención no que respecta á diminución do 17,92% na partida de acción social, e no "descenso brutal" do investimento en igualdade de xénero, onde o orzamento pasa de 1.373.000 aos 673.000 euros.

"É inaudito que o bipartito non priorice o investimento en dúas áreas que deberían ser prioritarias para o goberno", indicou Hernández, quen asegurou que "confía" en que "exista algunha partida escondida" que permita solucionar esta situación.

Nesta mesma liña, o popular denunciou o descenso nun 19,15% do capítulo de Cultura e Deportes, e explicou que as subvencións para instalacións deportivas pasan dos 680.000 euros aos 1.000 euros, e que as axudas para a promoción e fomento do deporte se reducen á metade ata situarse nos 700.000 euros.

"Estamos ante un orzamento que vai de descenso en descenso en lugar de ser o motor económico da provincia", apuntou Hernández.

Cinco propostas
Na rolda de posta ofrecida esta mañá, Hernández avanzou as propostas que proporá o Partido Popular para solucionar os problemas que sofren moitos concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago debido ao abandono de cans.

"Cremos que a Deputación pode botar unha man neste asunto porque as canceiras empezan a estar saturadas e é un problema moi serio", indicou Hernández, quen tamén confirmou que os populares volverán incidir no financiamento dos GES, no plan para a conservación e mantemento do Camiño e na reformulación do PAI (Plan de Aforro e Investimentos).

Por último, o portavoz do PP puxo sobre a mesa a necesidade de reducir a taxa polo servizo de recadación por vía voluntaria que abonan os concellos á Deputación, fixada agora nun 5%.

"Consideramos que ata 87 concellos poderíanse ver beneficiados economicamente cunha medida que a Deputación da Coruña pode asumir grazas á herdanza recibida por parte do anterior goberno popular", concluíu Hernández.

Deja una Respuesta