FOTO DAVID ENTREGA ESCRITO

O PP aclara que o servizo de pediatría de Zas recuperará a normalidade o luns

O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado polo seu portavoz, David Gómez, asegurou hoxe que o servizo de pediatría de Zas recuperará a normalidade o luns coa volta do especialista ao centro médico local, despois de que nos últimos días os veciños do municipio se viran obrigados a acudir a Camariñas perante a falta de facultativo.

Tras poñerse en contacto coa Consellería de Sanidade, Goméz explicou que o Servizo de Atención Primaria de Vimianzo-Camariñas-Zas conta con tres pediatras, un en cada municipio, e como norma xeral o goberno autonómico non autoriza máis dunha ausencia.

“O que sucedeu estes días é que estaba programada a ausencia do pediatra de Vimianzo por vacacións do 9 ao 20 de outubro e, posteriormente, xurdiu a baixa por enfermidade dun familiar de primeiro grao da pediatra de Zas, do 16 ao 20 deste mes, e que non foi posible cubrir”, apuntou o popular.

Sobre este asunto, e tras as declaracións do goberno local culpando á Xunta de recortes en Sanidade, Goméz subliñou que “antes de falar habería que informarse ben como fixemos nós. Trátase dun problema puntual que se resolverá nos próximos días, non de que se suprimiu a praza dun especialista”.

Neste sentido, o portavoz dos populares criticou que desde o Concello non chamasen á Xunta, “tal e como fixemos nós”, para “informar correctamente os veciños” e non alarmar por unha situación que quedará solucionada a partir do luns.

“Se chamara á Consellería de Sanidade todo sería máis sinxelo, pero igual creen que o goberno autonómico funciona como o de Zas, onde conseguir información é practicamente imposible”, concluíu Gómez.

Deja una Respuesta