IMG_0483

Acusan a García Liñares de adxudicar “a dedo” as obras do estanque do Xardín Botánico

O Partido Popular de Cerceda, encabezado polo seu portavoz, Francisco Santos, acusou hoxe ao alcalde, José García Liñares, de adxudicar “a dedo” as obras do estanque do Xardín Botánico de Cerceda, e polas que o rexedor tivo que declarar esta semana perante o xulgado en calidade de investigado.

Os populares explicaron que teñen no seu poder documentos que demostran que os traballos para levar a cabo esta actuación, adxudicada o 10 de abril de 2015, estaban moi avanzados xa un mes antes.

“Resulta moi complicado de entender que unha empresa se poña a realizar unha obra se antes non ten asegurado que lla van a pagar”, asegurou o portavoz popular, quen subliñou que todo este procedemento estivo marcado polo “escurantismo e a falta de información que caracteriza a xestión diaria do goberno socialista”.

Negociado sen publicidade
Neste sentido, Santos lembrou que o proxecto, que consta cun orzamento de 314.000 euros, foi adxudicado no seu día a través dun negociado sen publicidade, cando “todo o mundo sabe que con este montante é necesario facelo con publicidade”.

“Dá a sensación de que sempre quixeron que non se soubese moito sobre esta actuación porque había algo raro detrás dela”, indicou Santos, quen cualificou de “parafernalia” e de “querer lavarse a cara” que, posteriormente, e tras finalizar a obra, o Concello de Cerceda acudise ao Consello Consultivo de Galicia para preguntar “como podía regularizar todo este asunto”.

Santos tamén denunciou que o executivo local levou a cabo unha “inauguración encuberta” do estanque do Xardín Botánico o 20 de maio do 2015, unha semana antes da celebración das últimas eleccións municipais, a pesar de que a certificación de obra non se entregou ata o 30 de xuño.

“Non é algo que nos esteamos inventando, é algo que se pode comprobar nos xornais dese mesmo día”, asegura o portavoz do Partido Popular de Cerceda, quen ve “moi grave” poñer en funcionamento un proxecto deste tipo sen contar con toda a documentación en regra.

Deja una Respuesta