BRAÑA DE SOESTO

O PP acusa ao Concello de abandonar o mantemento dos principais enclaves turísticos de Laxe

O grupo municipal do Partido Popular de Laxe, encabezado polo seu portavoz, José Luis Pérez, acusou hoxe ao goberno local de deixar “ao coidado da man de Deus” o mantemento dos principais enclaves turísticos e naturais do municipio.

En concreto, os populares denunciaron o mal estado de conservación no que se atopa a contorna de Punta Insua tras os actos vandálicos que sufriu un dos grandes miradores que hai na Costa da Morte.

“Calquera veciño que pasee por alí poderá atoparse con pintadas nunha das pedras e no faro, tanto no novo como nos restos da vella torre”, denuncia Pérez, quen tamén puxo sobre a mesa a sucidade que se xunta na área de recreo.

Ademais, os populares tamén mostraron as súas queixas ante o “abandono” do goberno local á hora de levar a cabo as tarefas de limpeza e de mantemento da praia de Traba, lugar coñecido e moi visitado pola súa rica biodiversidade, e do acceso a praia de Arnado.

Neste caso, o portavoz dos populares incidiu na necesidade de levar a cabo algunha actuación que permita, ademais de limpar a zona de botellas e cascallos, arrombar as madeiras levantadas, recuperar o mal estado no que se atopan os diferentes paneis informativos e solucionar os problemas de salubridade dos baños.

O papel do turismo
“Estamos a falar de dous lugares moi visitados polos turistas”, indicou Pérez, quen cualificou de “bochornoso e intolerable” que o rexedor, José Manuel Mouzo, non tome cartas no asunto para solucionar estes problemas e, de paso, arrombar outras zonas do Laxe como o paseo marítimo, a contorna do faro, ou a braña de Soesto.

Ante esta situación, o portavoz de Laxe incidiu en que, a poucos meses de que arrinque a tempada estival, “urxe tomar medidas”, tendo en conta que gran parte da economía municipal depende dos turistas que visitan a localidade nos meses de verán.

“O alcalde vive tan afastado da realidade do noso concello que esquece que a hostalería, as tendas e os bares xóganse o ano nos próximos meses”, dixo Pérez, quen non dubidou en asegurar que, se o executivo local non coida todos enclaves, reducirase o número de visitantes.

Deja una Respuesta