02e7e783-f25f-4dbf-81fd-daf868bc8027

O PP alerta de que as estradas da Deputación están sen desbrozar

O grupo provincial popular vén de denunciar publicamente o estado de abandono que presenta a rede de estradas da Deputación da Coruña, sen limpar pese a que xa comezou a tempada de verán e, con ela, o risco de aumento de incendios forestais.

 

Ante esta situación, son varios os concellos da provincia que xa teñen mostrado o seu malestar, como é o caso de Frades e Touro, dende onde aseguran que o mal estado das estradas, a grande maioría sen nin sequera desbrozar, non é algo novo, pois xa sucedeu en anos anteriores.

 

“Por desgraza, estamos igual que estabamos antes das eleccións: cun goberno inexistente e inoperante que ignora os perigos de non coidar a rede de estradas provinciais”, aseguran os populares, que instan ao presidente provincial a axilizar uns traballos “moi necesarios” e que “non poden agardar a que un goberno ineficaz decida poñerse a traballar”.

 

Os populares lamentan que, mentres o goberno da Xunta de Galicia fai un importante esforzo para o bo mantemento das estradas da súa titularidade, a Deputación da Coruña volve a “mirar para outro lado nas súas responsabilidades” cos veciños da provincia.

 

Deja una Respuesta