FOTO TOMA POSESIÓN TEMBRÁS

O PP celebra que a Deputación "só tardase tres anos" en publicas as nominativas

O portavoz do grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, criticou hoxe que o goberno provincial “só tardase tres anos” en publicar o reparto das subvencións nominativas levado a cabo durante este mandato polo grupo encabezado por Valentín González Formoso.

Os populares aseguran que as últimas axudas publicadas na plataforma dixital ata o día de hoxe databan do anterior goberno presidido por Diego Calvo, un feito que para Hernández pon de manifesto a “hipocrisía” de González Formoso ao que acusa, unha vez máis, de “dicir unha cousa e practicar toda a contraria”.

“Levamos case tres anos tendo que aguantar que son o adaíl da transparencia e da información cando a Deputación da Coruña está presidida polo escurantismo e a falta de transparencia. Tiveron que pasar case tres anos para que fixeran público a quen e como reparten os cartos”, indicou o portavoz dos populares, quen responsabilizou de todo iso ao presidente provincial.

Neste sentido, Hernández cargou contra Valentín González Formoso ao que acusou de converterse nun presidente “a tempo parcial”. Sobre este asunto, o popular incidiu en que o socialista “nin é alcalde das Pontes, nin é presidente da Deputación”, xa que parece máis preocupado de solucionar os problemas internos do seu partido.

Hernández apuntou tamén que o feito de que a páxina web da Deputación da Coruña recolla os acordos plenarios e fágaos públicos non quita que o goberno provincial poida “facilitar dita información dunha maneira máis clara e concreta no portal de transparencia”.

“Non é de recibo que un veciño ou unha asociación que queira coñecer como foi a repartición das nominativas tivese que ir pleno por pleno para sabelo”, concluíu o portavoz dos populares na Deputación.

Deja una Respuesta