CONGRESO LOCAL OROSO

Celebran que Oroso deixe de “facer oposición á Xunta” e participe no 'Concellos Doing Business

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, encabezado polo seu portavoz, Alexander Doval, mostrou hoxe a súa satisfacción despois de coñecer que o goberno local ten decidido participar na iniciativa ‘Concellos Doing Bussiness’, que lidera a Xunta de Galicia.

“Ía sendo hora que o executivo local deixase de facerlle oposición á Xunta de Galicia en todo o que se expuña desde o goberno autonómico”, apunta Doval, quen subliña que “daba a sensación de que todo o que procedía do goberno autonómico estaba vetado por parte do Concello de Oroso”.

O popular recalcou a importancia de participar nunha iniciativa na que o papel dos concellos que se sumen será fundamental para ampliar o alcance das medidas fiscais que recolle o novo texto normativo.
“Falamos dunha norma coa que se busca atraer novas empresas, investimentos e emprendedores e, en consecuencia, máis emprego, achegándolles: máis incentivos fiscais, menos papelame administrativo e unha oferta de solo industrial coas mellores condicións que se deron nunca en Galicia”, dixo Doval.
Deste xeito, un Concello Doing Business será aquel que ofreza ás empresas que vaian instalarse nalgún dos seus polígonos industriais: rebaixas de ata o 95% no Imposto de bens inmobles, o Imposto de actividades económicas e o Imposto sobre construción, instalacións e obras.

“Estamos a falar de incentivos fiscais a cambio dun compromiso de creación de emprego por parte das empresas, que recibirán ata o 95% de bonificación cando o proxecto implique a creación de máis de 20 postos de traballo; de ata o 75%, cando supoña a contratación de entre 11 e 20 persoas; e como mínimo beneficiaranse dunha rebaixa do 50% nestes impostos se son ata 10 o número de empregos previstos”, explicou o portavoz dos populares.

Así mesmo, Doval indicou que outro dos compromisos que asumen os 'Concellos Doing Business' é non esixir a taxa por licenza de obra e apertura en todos os proxectos empresariais vinculados aos obxectivos da Industria 4.0. E, en consonancia coa axilidade administrativa que persegue a lei, a concesión das licenzas de obra maior tramitarase nun prazo máximo de 30 días naturais desde que se dispón da documentación completa e de todos os informes sectoriais preceptivos.

Deja una Respuesta