CO28C1F1_1

O PP confirma o compromiso da Xunta para solucionar o problema das terrazas de Laxe

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Laxe, José Luís Pérez Añón, mantivo esta mañá unha reunión co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, ao que lle trasladou a preocupación que existe entre os hostaleiros do municipio polo problema das terrazas, e as posibles sancións pola súa instalación irregular.

Durante o encontro, Pérez Añón fíxolle chegar a Menéndez a moción que o goberno local levará esta noite a pleno, e na que o Concello de Laxe instará á Xunta de Galicia a iniciar os trámites oportunos para a cesión do tramo urbano da estrada AC-429, de titularidade autonómica, desde a rotonda de Fenllido ata a praza Ramón Juega.

Ademais, o texto pide ao goberno autonómico que, previamente, acondicione o tramo, adaptando os pasos de peóns ás persoas con mobilidade reducida, ademais de dotalo da sinalización horizontal e vertical luminosa, e establecendo un menor límite de velocidade.

A moción reclama tamén que se realice a separación do seneamiento do novo colector exclusivo para augas pluviais, completando así a rede separativa existente na actualidade na rúa Rosalía de Castro.

Sobre este último punto, Pérez Añón explicou que, desde a Axencia Galega de Infraestruturas, “recomendáronnos que esta última petición non vaia da man das anteriores porque, de ser así, o proxecto para levalo a cabo podería atrasar a solucións das terraza”.

Ante esta situación, desde o Partido Popular de Laxe pedirán ao goberno local que retire este punto da moción para que o resto de asuntos poidan desenvolverse sen problemas e, desta forma, terminar co asunto das terrazas, gracias á colaboración da Xunta de Galicia.

Senda peonil ata o polideportivo

Noutra orde de cousas, Pérez Añón aproveitou o encontro para solicitar á Xunta de Galicia que leve a cabo a construción dunha senda peonil ata o polideportivo, un traxecto que conta con moita afluencia de veciños e que, na actualidade, non reúne as medidas de seguridade viaria necesarias.

Por último, Menéndez comprometeuse a que o goberno autonómico seguirá adiante co estudo do proxecto para levar a cabo a construción das beirarrúas en Soesto.

Deja una Respuesta