lamas

O PP de Ames califica os orzamentos participativos de "tomadura de pelo" aos veciños

Os primeiros “Orzamentos Participativos de Ames”, os do 2017, foron amplamente cuestionados polo Grupo Municipal Popular, que denunciou a nefasta formulación inicial dos mesmos. As críticas iniciais estaban motivadas, entre outras cuestións, pola ridícula cantidade de 12.000 € dedicados a cada parroquia e pola errónea decisión salomónica que supoñía dedicar o mesmo a cada unha, sen ter en conta criterios razoables e obxectivos como a poboación, a extensión ou o déficit de servizos de cada parroquia en concreto.

O Tripartito de Ames, lonxe de reflexionar e rectificar a errónea formulación inicial, continuou adiante na súa postura e se “ parapetó”, para xustificar todas as súas actuacións, detrás da creada “Comisión de Orzamentos Participativos”. O Grupo Municipal Popular de Ames denunciou a “gran chapuza” que supoñían os “Orzamentos Participativos 2017”, entre outras cuestións porque as bases reguladoras non se respectaron; a Parroquia de Agrón quedou sen investimento ao non presentar ningunha proposta; destináronse recursos a actuacións inicialmente non previstas; e ante calquera tipo de crítica, o Goberno Local descargou toda responsabilidade na “Comisión de Orzamentos Participativos”, por ser esta a encargada final de decidir as actuacións que se executaron.

Concluídos os primeiros orzamentos participativos de Ames, o resultado final, como era previsible, foi decepcionante; e así, respecto das actuacións executadas, unha vez analizadas, podemos dicir que evidencian e poñen de manifesto a “fraude” aos veciños do rural.

Falamos de “fraude” porque tanto a maior parte das actuacións realizadas, como a maior parte do orzamento investido corresponden a actuacións ás que está obrigado o Goberno Local a acometer, quen ten a obrigación de manter en bo estado de conservación e uso as súas instalacións; por conseguinte, manter pistas e camiños, realizar actuacións en materia de abastecemento e saneamento, ou realizar obras de mantemento e conservación dos locais sociais é unha obrigación do Goberno Local; é por iso polo que destinar os escasos fondos dos orzamentos participativos para estas cuestións é, canto menos, unha “tomadura de pelo” aos veciños do rural.

Pero esta “tomadura de pelo” evidénciase, en maior medida, se se comproba o estado de execución das actuacións; algunhas das cales as cales se executaron con resultado insatisfactorio. Poñamos dous exemplos:

1.- As obras de mellora e acondicionamento do local social de Ortoño, orzadas nuns 12.000 €. Unhas obras que consistiron principalmente na construción dunha rampla de accesibilidade e en labores de eliminación de humidades, tiveron como resultado unha autentica chapuza: As reparacións efectuadas, incluída a substitución de parte dun tejadillo, para evitar filtracións e humidades, non serviron para nada, pois as humidades continúan. Doutra banda, a nova rampla de acceso ao local social agora propicia que a auga da choiva entre no local con grave risco de deterioración do chan, que ao ser de lousas de cortiza, corre o risco de deteriorarse rapidamente se non se pon remedio rapidamente.

2.- as obras de mellora do firme da praza do Lugar de Lamas, na Parroquia de Ames, cun orzamento de 6.066,64 €, aos tres meses da súa execución o pavimento empeza a desfacerse, polo que en breve volverá atoparse no lamentable estado en que se atopaba inicialmente.

Evidentemente, á vista dos resultados, está claro que o Tripartito de Ames non ten vergoña en facer propaganda das “migallas” que repartiu polas parroquias para executar unhas obras, a pesar de que algunhas das cales non conseguiron o resultado esperado e presentan deficiencias e síntomas de rápida degradación. Por todo iso, o Grupo Municipal Popular pediu o acta da Comisión de Orzamentos Participativos onde se avalía o grao de cumprimento das propostas seleccionadas, así como a acreditación do traslado da información ás asociacións veciñais das distintas parroquias, tal e como esixe o último apartado das bases reguladoras.

Ao mesmo tempo solicitan ao Goberno Local que traslade aos diversos grupos municipais a opinión das asociacións veciñais participantes sobre a avaliación do grao de cumprimento das actuacións executadas.

Deja una Respuesta