FOTO do solar da Rúa do CarmeRúa de San Vicente

O PP de Arzúa agradece as actuacións de Fomento no casco vello da vila

A xestora do Partido Popular de Arzúa valora positivamente o compromiso demostrado polo Ministerio de Fomento para levar a cabo a rehabilitación do edificio da antiga Casa de Correos e o xardín anexo-
Os populares explicaron que esta actuación permitirá recuperar un edificio senlleiro do casco antigo de Arzúa e crear un polo cultural relacionado co Camiño de Santiago.

Unha vez realizados os estudos xeotécnicos e topográficos, está previsto que o Ministerio de Fomento execute o proxecto de rehabilitación ao longo deste ano.

“Isto pon de manifesto que nin a S.A. do Xacobeo, nin o Ministerio de Fomento desatenderon os investimentos prometidos neste edificio histórico do Concello de Arzúa tal e como manifestou recentemente a través dunha nota de prensa o BNG local”, dixeron os populares.

Dende o PP sinalan tamén que as declaracións de Xoan Xesús Carril en nome do BNG local “perseguen unha clara finalidade política e terxiversan a realidade, xa que houbo un concurso no que resultou gañador o proxecto presentado por ZOOZOCO ARCHITECTURA AND DESING, polo que este xa leva tempo rematado e segue os trámites previstos dende o seu inicio”.

Actuacións no solar entre a Rúa do Carme e a Rúa de San Vicente
En relación coa rehabilitación e posta en valor do casto antigo da vila, o grupo municipal do PP proporá ao Concello de Arzúa a adquisición e rehabilitación dun espazo en estado ruinoso no pleno centro da vila. O solar, de propiedade particular, está situado na Rúa do Carme, fronte ao colexio Grande Obra de Atocha.

Esta intervención vén sendo reclamada dende tempo atrás polos veciños e permitiría, ademais de eliminar un foco de insalubridade, incrementar a dotación sociocultural da vila e crear unha praza ou espazo aberto a disposición de veciños e peregrinos no ámbito do Camiño de Santiago.

A xestora do PP sinalou, por último, que “a intervención neste espazo, xunto coa a rehabilitación da Casa de Correos, redundaría na posta en valor do casco antigo da vila e contribuiría a atraer visitantes”.

Deja una Respuesta