img_16605c30a9ba8233851e0e0ccb87c137e1749a0a

O PP de Camariñas advirte de que a inhabilitación do alcalde podería anular o orzamento

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Camariñas, Mauricio Aufiero, alertou hoxe de que, no caso de aprobarse, os orzamentos municipais poderían quedar anulados pola sentenza que inhabilita durante catro anos ao alcalde da localidade, Manuel Valeriano Alonso de León -‘Pichurri’- por un delito de prevaricación.

Os populares basean a súa advertencia no informe que a Interventora municipal presentou na Comisión de Contas celebrada hoxe, e no que considera que o alcalde non actúa no exercicio lexítimo do seu cargo e, por tanto, non sería o órgano competente para formar parte do mesmo. Un feito que, segundo explicou Aufiero, podería provocar que se incorrese nunha “clara nulidade da causa”, provocando que os orzamentos non tivesen validez.

“Xa dixemos que estamos ante un tema sumamente grave para o funcionamento do Concello. Coa sentenza firme que recae sobre o rexedor, o señor Manuel Valeriano Alonso de León está totalmente incapacitado para poder seguir á fronte do goberno local”, apuntou o popular, quen non dubidou en cualificalo de “insumiso”, tendo en conta que, segundo explicou, así se determina ás persoas que “non acatan as leis”.

Neste sentido, e á espera que a dirección provincial do PSOE tome cartas no asunto, desde o Partido Popular de Camariñas lamentan que a negativa de ‘Pichurri’ a deixar a alcaldía acabe por prexudicar aos veciños.

“Entendo que o alcalde non terá a cara de multar ou de sancionar a calquera veciño que decida non pagar os seus impostos ou non cumprir as normas. Si el non dá exemplo, non pretenderá que os demais o fagan”, subliñou Aufiero, quen lamentou que toda esta situación de “rebeldía” supoña que todo o que aprobe o executivo local quede invalidado.

Pleno extraordinario

Por outra banda, os populares anunciaron que xa presentaron a petición para a celebración dun pleno extraordinario no que dar coñecemento á secretaria municipal da sentenza, tendo en conta que o rexedor non quixo facelo.

“Está claro que Pichurri prefire poñer en risco a todo o Concello antes de asumir as consecuencias dunha sentenza derivada da súa política caciquil, pero nós temos a obrigación de velar para que se cumpran as leis en Camariñas”, dixo Aufiero, quen avanzou tamén que a súa formación xa presentou por rexistro a sentenza contra o alcalde.

Por último, os populares lamentan a postura adoptada pola agrupación socialista de Camariñas, á que advertiron das posibles consecuencias legais que poderían derivar da defensa do rexedor.

Deja una Respuesta