FOTO RUEDA DE PRENSA AURELIO NÚÑEZ

O PP de Carballo pide ao goberno local que incremente as subvencións ás entidades sociais

O grupo municipal do Partido Popular de Carballo anunciou hoxe que levará ao próximo pleno municipal unha moción na que insta ao goberno local a que incremente a partida orzamentaria destinada a subvencionar ás entidades sociais sen ánimo de lucro.

Os populares lembran que segundo o informe realizado pola Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, que analiza os orzamentos que os concellos de máis de 20.000 habitantes dedican a Servizos Sociais e Promoción Social, con datos correspondentes ao orzamento liquidado en 2016 que publica o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, Carballo está entre os 11 municipios galegos que menos presupostos destinan a este fin. En concreto, o consistorio carballés destinou 40,25 euros por habitante, un feito que o converte nun municipio “pobre” en materia de servizos sociais.

“É certo que en 2017, tras investir 53 euros por habitante nesta materia, Carballo deixa de estar nesa lista”, recoñecen os populares, quen, con todo, avanza que o seu partido estará pendente do grao de execución desta partida, dado que a última conta xeral presentada e debatida no pleno municipal, e correspondente ao ano 16, demostraba que esa execución a nivel de gasto social “deixaba moito que desexar”.

“Temos un goberno local con escasa preocupación en materia social”, apuntan os populares, que puxeron sobre a mesa que, no ano 2017, o importe total de subvencións concedidas ás diferentes asociacións ou entidades sen ánimo de lucro que desenvolven accións en materia de servizos sociais foi de soamente 32.000 euros.
Ante esta situación, desde o Partido Popular entenden que é “máis que necesario” que o executivo local aprobe un crédito extraordinario co fin de aumentar estas partidas.

Solucións para a rúa Severo Ochoa
Por outra banda, os populares aproveitará o pleno municipal para demandar ao goberno local que atenda a petición dos veciños e recupere o dobre sentido de circulación na rúa Severo Ochoa.

“Cremos que é unha medida que pode solucionar os problemas de circulación que se dan na zona”, aseguran os populares, quen, en todo caso, e de non poder levarse a cabo, urxiu ao executivo local a que estudie outras posibles solucións como, por exemplo, dotar á rúa de beirarrúas pola que os viandantes poidan transitar con total seguridade.

Deja una Respuesta