47b60225-f6dd-45c8-b016-0aec11b6975a

O PP de Cee recolle as inquedanzas dos traballadores de Ferroatlántica

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Cee nas eleccións municipais que se celebrarán no mes de maio, Antonio Domínguez, mantivo nos últimos días unha reunión cos representantes do comité de empresa de Ferroatlántica. No encontro, as partes puxeron sobre a mesa a súa preocupación ante a situación laboral dos empregados das factorías de Cee, Dumbría, Sabón, Cantabria e Madrid, afectados polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional.

 

A reunión serviu tamén para deixar constancia dos intentos levados a cabo por parte do conselleiro de Industria, Francisco Conde, para conseguir que o caso da planta de Cee e Dumbría fose tratado coa empresa de maneira individualizada, tendo en conta que a factoría de Costa da Morte conta cunhas circunstancias hidroeléctricas que a diferencian do resto.

 

“As concesións particulares que temos aquí converten a esta planta en viable economicamente, polo que a negociación do ERE tería que ser diferente a do resto de lugares”, afirmou Domínguez, quen, con todo, explicou que desde o goberno central descartaron esta posibilidade alegando, dixo, a que hai tres comunidades autónomas implicadas no problema e, por tanto, é un asunto de carácter ministerial.

 

Rescatar as concesións

Así mesmo, o candidato popular aproveitou a reunión para trasladar ao comité de empresa o compromiso do conselleiro de Industria e da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, de rescatar, no caso de confirmarse o cesamento da actividade industrial da planta de Cee-Dumbría, as concesións hidroeléctricas de maneira “inmediata”.

 

“Confiamos en que non teñamos que chegar a ese punto. Estamos a xogarnos o futuro industrial e económico da comarca”, advertiu Domínguez, quen lembrou que o ERE pon en perigo máis de 500 postos de traballo directos e indirectos na zona.

 

Neste sentido, o candidato dos populares en Cee lembrou que a comarca vive un momento complicado a nivel social e económico que se ve reflectido na perda de poboación.

 

 

 

 

 

 

Deja una Respuesta