muros

O PP de Muros denuncia que a parálise do goberno crea caos no concello

Transcorridos xa máis de tres meses dende o acceso ao goberno municipal de CxG, co apoio do PSOE, atopámonos que o concello camiña cara o caos, cunha situación penosa na prestación dos servizos públicos básicos (recollida de lixo, iluminación, saneamento…), obras paralizadas e servizos pechados (piscina…), falta de transparencia e arbitrariedade na toma de decisións, das que non se da conta ao pleno e nalgúns casos nin tan sequera se adoptan polos órganos competentes, nula iniciativa na presentación de propostas ou proxectos, recórrese constantemente a fórmulas de xestión que antes se criticaban (contratacións, designación de persoal de confianza…), e levántanse cortinas de fume para agochar a incapacidade de xestión (denuncias en prensa que nunca se concretan…).

Ao longo deste tempo convocáronse catro plenos, o pleno de organización o 9 de xullo, o pleno ordinario de xullo que non se celebrou por defectos formais na convocatoria, un pleno extraordinario o 24 de agosto para aprobar as retribucións, e finalmente outro pleno onte, 24 de setembro, no que a única proposta do equipo de goberno consistiu en declarar ao concello de Muros libre de circos con animais, e nin iso foron capaces de aprobar.

Polo demais, en ningún se presentou proposta algunha para paliar ou solucionar os gravísimos problemas que sofren os veciños de Muros. A actitude do equipo de goberno, a falta de diálogo, a incapacidade manifesta de aportar solucións ou de chegar a acordos, está levando á paralización administrativa do concello, e ao agravamento día a día das condicións de vida dos muradáns, iso si, fanse liquidacións de impostos e taxas, e pásanse os recibos ao cobro, a pesar de que non se preste o servizo. As poucas boas novas para Muros, como a apertura da gardería de Esteiro, agóchanse porque son iniciativas da Xunta e dos Populares de Muros.

Dende o Partido Popular de Muros consideramos que de prolongarse esta situación no tempo o deterioro dos servizos vai ser tan grave que se converterá en irreversible, cos prexuízos que iso supón para o noso concello e os seus veciños. É de lamentar tamén a actitude da anterior rexedora, que despois de votar a favor da investidura da candidata de CxG, dedícase un pleno sí e outro tamén, a facerlle reproches por agravios do pasado. Polo ben do noso concello hai que mudar de actitudes e centrarse en buscar solucións, e nese treito estaremos os concelleiros do Partido Popular de Muros.

Deja una Respuesta