FOTO CONGRESO LOCAL MUXÍA

O PP de Muxía traslada á Deputación o malestar dos veciños pola ampliación da DP-5201

A portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, trasladoulle ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o malestar que existe entre os veciños afectados polas expropiacións realizadas pola institución provincial para levar a cabo o proxecto para a ampliación e mellora do trazado da DP-5201 entre Muxía e Touriñán.

 

En concreto, a popular explicou que algúns dos afectados decidiron no seu día non asinar os expedientes de expropiación por diferentes causas. “Hai xente que non estaba de acordo porque a ampliación da estrada afecta a varias casas e hórreos que están próximos á vía, mentres que outros non o fixeron por considerar que había bens afectados que non se incluían na proposta de indemnización”, apuntou Vilela.

 

Así mesmo, a portavoz do Partido Popular de Muxía subliñou que hai outros veciños que, pola súa banda, realizaron a reclamación pertinente, pero asinaron a conformidade coas actas de expropiación e, neste momento, segundo Vilela, atópase nunha situación de “total indefensión”.

 

Revisar o proxecto

Con todo iso, e sendo conscientes da necesidade de realizar este tipo de procesos para poder mellorar as infraestruturas do municipio, os populares remitiron unha carta ao presidente da Deputación na que solicitan que o executivo provincial revise o expediente deste proxecto para solucionar o problema destas persoas.

 

“Sabemos que o proxecto da estrada é o que é e resulta moi complicado cambialo”, recoñeceu Vilela, quen, á súa vez, non escondeu que “legalmente tamén todo é correcto”, pero, con todo, desde o Partido Popular instan a González Formoso a que teñan en conta esta situación, apele ao “sentimento de servizo” que debe ter unha institución como é a Deputación da Coruña e trate de buscar unha saída ás queixas dos veciños.

 

 

Deja una Respuesta