fiesta playa

Urxen ao Concello a garantir a reparación das estradas danadas tras a instalación dos eólicos

A portavoz do Partido Popular de Muxía, Sandra Vilela, urxe ao Concello a que garanta unha “correcta” reparación das estradas danadas tras a instalación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II no municipio.

 

En concreto, os populares denunciaron que, como consecuencia do transporte pesado utilizado para estas construcións, estradas como a de  Serantes a Viseo quedaron “totalmente desfeitas”.

 

Neste sentido, Vilela explicou que, antes de comezar as obras, a empresa responsable da actuación depositou unha fianza coa que facerse cargo da reparación dos firmes que se viran deteriorados.

 

Con todo, e segundo puideron constatar os populares, os traballos de reparación efectuados no firme da estrada Serantes-Viseo só serviron para encher as fochancas con grava e pouco de alcatrán, unha circunstancia, que segundo Vilela, ademais de perigosa, non é o esperado e demandado polos veciños.

 

Entendemos que as estradas deben repararse en condicións, deixándoas como estaban antes da construción dos parques eólicos, e que debe ser o Concello de Muxía o que defenda os intereses dos veciños e non os da empresa”, apuntou a popular

 

Malestar  dos veciños de Bardullas

Ademais deste caso, os populares subliñaron que o pasado martes mantiveron unha reunión na parroquia de Bardullas, onde os veciños mostraron tamén o seu malestar pola reparación efectuada na estrada de Villarmide-Viseo, e que atravesa o núcleo de poboación.

 

“Trasladáronnos que, tras a reparación, a estrada é máis estreita e o firme é moito máis fino, e advertiron de que, cando chegue o inverno, vaise desfacer completamente, xa que se limitaron a botar grava”, dixo Vilela, quen lembrou que, sobre este tema, a súa formación xa presentou un escrito o pasado 6 de setembro no que informaba ao goberno local desta situación.

 

Deja una Respuesta